Escoitar

O Concello contrata un estudo económico que determine as condicións da concesión de Balaídos

O goberno de Vigo licita a elaboración do estudo de viabilidade económico-financiera por 86.500 euros, un documento que servirá para determinar o modo de uso e explotación do estadio, o canon e o prazo de duración da concesión, segundo informou Abel Caballero este venres.

venres, 2 mar 2018
O estudo económico-financiero analizará a viabilidade e racionalidade da operación de uso e explotación do estadio de Balaídos, e estará dispoñible nun prazo de 40 días desde a sinatura do contrato.

En rolda de prensa, Abel Caballero explicou que este informe, que se sumará a un primeiro que xa está en mans do Concello, servirá para determinar a modalidade de uso e explotación do estadio, o canon e o prazo de duración que debería fixarse para a correspondente concesión do estadio municipal de Balaídos.

O alcalde estimou que, na primavera ou a comezos do verán, o Concello podería estar en disposición de iniciar o proceso de concesión administrativa do estadio. Será para entón cando o goberno que preside dispoña deste segundo estudo de viabilidade e dos proxectos técnicos das novas bancadas de Marcador e de Gol e do estacionamento soterrado.