Escoitar

O escultor Buciños elaborou os galardóns dos vigueses distinguidos

O alcalde, Lois Castrillo, presentou as pezas que premiarán o labor dos homenaxeados nesta edición, que representan a uve da victoria de Vigo.

mércores, 26 mar 2003
1048679380Buc.jpg
Buciños e Castrillo
Buciños creou seis esculturas coa idea principal da cidade, que esteticamente parten dun punto para converterse na uve da victoria de Vigo. "É un código para comunicarse sinxelo e intelixente, impreso na creación destas esculturas exclusivas realizadas para a ocasión", afirmou o autor.

O alcalde sinalou que "a uve da victoria de Vigo ten aire de mascarón de proa" neste galardón. As pezas foron elaboradas en bronce co pé en granito do país.

As curvas pronunciadas, os volumes a un tempo rotundos e suaves e maila airosidade das súas criaturas danlle á escultura de Buciños unha personalidade definida. Realizou numerosas exposicións en España e no estranxeiro. As súas pezas están en museos de Galicia e en numerosas institucións públicas e coleccións particulares. Os seus monumentos a personaxes históricos ou con afán puramente ornamental abondan nas cidades galegas.

Habitualmente traballa formatos pequenos, aínda que a monumentalidade está no seu concepto de gran creador de formas corpóreas. A escultura de Buciños parece conter vida. A vitalidade expándese na súa obra, aínda que ás veces sexa testemuña dunha ruralidade dura de Galicia, a alegría comunicativa termina por impoñerse en cada unha das súas pezas.

Actos previstos

No acto dos vigueses distinguidos prémiase este ano a aqueles que se esforzaron na defensa do patrimonio histórico e natural da cidade e en axudar a persoas desfavorecidas, discriminadas ou perseguidas. Ademais, realizarase o acto de imposición da Medalla da Cidade. A cita será o xoves 27 de marzo ás 20:00 no Centro Cultural Caixanova.

A homenaxe aos heroes da Reconquista celebrarase o venres 28 de marzo ás 12:00 na praza da Independencia. O decano do Colexio Profesional de Xornalistas, Xosé María Palmeiro, será o encargado de redactar o bando.

Palmeiro é licenciado en Historia pola Universidade de Santiago, cursou estudios de Xornalismo na Facultade de Ciencias da Información, da Universidade Complutense de Madrid. Leva 30 anos de actividade profesional en diferentes medios de comunicación. En prensa (La Voz de Galicia, El País e Faro de Vigo). En radio (COPE-Vigo e Onda Cero). En televisión (dirección e presentación durante tres temporadas do programa de debate “A Contrafío”, na TVG).

Actualmente traballa como director de Comunicación do Consello da Cultura Galega. En abril de 2000 foi elixido por ampla maioría primeiro decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que agrupa a 1.083 profesionais e é o segundo creado en España despois do catalán.
Descargar todas as imaxes