Escoitar

As obras do segundo cinto inclúen medidas de protección arqueolóxica

xoves, 6 mar 2003
O Concello de Vigo solicitou e conseguiu que o proxecto de construcción do segundo cinto de circunvalación inclúa medidas correctoras para protexer os xacementos arqueolóxicos e elementos etnográficos situados na zona afectada.

A concelleira de Patrimonio Histórico, Carme Martínez-Corbalán, e o edil de Infraestructuras, Amador Fernández, manterán reunións cos representantes veciñais para explicarlles os traballos de prospección arqueolóxica realizados e as medidas que se aplicarán para reducir o impacto sobre este patrimonio. As xuntanzas comezarán o venres en Comesaña.

As medidas correctoras que se aplicarán durante as obras de construcción do segundo cinto son as seguintes:
- Seguimento arqueolóxico dos desbroces e movementos de terra.
- Control arqueolóxico exhaustivo e continuo de diversos puntos determinados polas prospeccións previas xa realizadas e dos afloramentos graníticos, na busca de petroglifos.
- Sinalización con control continuo de obra dos elementos arqueolóxicos e etnográficos catalogados.
- Posible intervención arqueolóxica na zona de Lama de Moo, en Matamá, xa que nas súas proximidades existe un castro da idade de ferro.
- Posible traslado de diversos elementos etnográficos.