Escoitar

Inaugúrase nas Palmas unha antolóxica de Laxeiro con fondos da Fundación

O Centro Atlántico de Arte Moderno (CAAM) de Las Palmas acolle a partir do vernes 7 de marzo a exposición Laxeiro, un vangardista de vocación atlántica, que amosa unha visión completa da traxectoria do pintor lalinense.

xoves, 6 mar 2003
1046954145foto8.jpg
Personaxe importante
A mostra, que permanecerá aberta ata o 18 de maio, complementa á que se inaugurará na sede do Instituto Cervantes de Lisboa o próximo 9 de maio e á exposición permanente que se pode ver na sede da Fundación Laxeiro en Vigo.

A exposición, plantexada como un percorrido cronolóxico pola súa obra, está artellada en torno a tres puntos de inflexión na evolución formal e temática do artista.

A primeira parte, denominada ”1930-1946. Os inicios: Do barbeiro pintor á estética granítica”, recolle varias obras que revelan a singular personalidade dun artista novo que busca unha linguaxe propia, utilizando como referente a tradición escultórica galega, materializada nunha pintura de aparencia pétrea, con composicións cheas de elementos que deixan ver un horror ao baleiro que será constante en toda a traxectoria de Laxeiro.

A súa temática busca argumentos na cultura popular galega, combinando de forma moi persoal mundos nos que o real queda subxugado ao sobrenatural.

Nun segundo apartado da exposición, co título ”1952-1970. A aventura arxentina”, mostra obras do período que o artista galego viviu en Arxentina, unha época na que Laxeiro alcanza a súa madurez e evoluciona cara terreos máis informalistas, dentro do marco referencial expresionista. O aceno de Laxeiro sintoniza con correntes como o grupo CoBrA que, por aqueles anos reinventaba a pintura centroeuropea, con colores máis luminosas e figuras esquematizadas que protagonizan os mesmos temas, tratados desde unha actitude formal moito máis ambiciosa.

A mostra péchase co terceiro apartado, ”1970-1980. A volta a España”, que reúne as obras do artista xa consagrado, de regreso a España. Nesta época Laxeiro vive a cabalo entre Madrid, Vigo e o seu Lalín natal, producindo unha obra na que todas as constantes das súas épocas anteriores se combinan e se mostra a faceta gráfica do autor.

Producida pola Fundación Laxeiro, esta exposición revela a importancia de artistas de vangarda histórica que non sempre foron recoñecidos con xustiza no panorama nacional, froito moitas veces das circunstancias históricas e xeográficas que iniciativas como esta contribúen a subsanar.
Descargar todas as imaxes