Escoitar

Vigo 20, unha plataforma que invita á participación dos mozos da cidade

A Concellería de Xuventude e a Universidade de Vigo presentaron a campaña VIGO 20, unha invitación á reflexión, á crítica e á acción dos mozos e mozas da cidade.

mércores, 5 mar 2003
O principal obxectivo desta convocatoria é que os xoves reflexionen sobre si mesmos e sobre o acerto ou desacerto das institucións no seu afán organizador e está organizada conxuntamente entre as dúas entidades públicas.

O acto central, no que confluirán todos os esforzos que se están a realizar terá lugar o día 5 de abril, e nel participarán todas e todos os mozos que o desexen, participen ou non no proceso previo.

Posteriormente, faranse públicas as conclusións a través dunha publicación que, a modo de acta, reflicta as inquedanzas das e dos participantes.

¿Como se pode participar?

Se se pertence a un grupo ou asociación formalizada ou a un grupo informal, están xa tendo lugar reunións previas, que se prolongarán durante este mes de marzo.Actualmente están traballando grupos de música, grafitti, skate, break, pintura, xogos de rol, ocio, prevención, calidade de vida, asociacionismo, participación e universidade.

Pódese tamén participar individualmente, cubrindo unha enquisa preparada para que sirva de guía de expresión da opinión de cadaquén. Hai unha enquisa xeral e outra expresamente para o público universitario. A enquisa xeral está destinada a 25 mil mozos e mozas de entre 17 e 25 anos.

Tamén se pode participar a través do espacio www.xuventudevigo.org, onde se pode deixar a opinión de cada un sobre o tema que queira. E por último, enviando a opinión á Casa da Xuventude por calquera outro medio. Todas as opinións serán tidas en conta.

¿Que busca VIGO 20?

Sobre todo, coñecer qué pensan os mozos e mozas de Vigo sobre os seus intereses vitais, o que necesitan para facer máis doado o seu lecer ou a satisfacción doutras demandas.

Os responsables e os programadores do Concello e a Universidade desexan recibir información sobre o seu traballo para avaliar se se está traballando no sentido demandado polos cidadáns aos que se dirixe, ou debe modificarse a perspectiva.

Cando existan conclusións dos traballos serán publicadas e servirán como referencia para novos proxectos ou modos de facer.

¿Sobre que se pode opinar?

Os colectivos formais ou informais que se reúnen respondendo a un interese concreto, opinarán sobre todo en canto ás circunstancias nas que se desenvolve a súa afección ou preocupación, pero tamén poden realizar as reflexións que desexen sobre outros asuntos relativos á acción do Vicerrectorado de Extensión Universitaria ou da Concellería de Xuventude.

Non existen barreiras para facer chegar a VIGO 20 calquera opinión sobre calquera tema. No folleto promocional ofreceranse algúns temas como indicativo, pero é unha lista que sempre está aberta. Esta é a relación: Cidade, tendencias, actividades, universidade, asociacionismo, ocio, tempo libre, música, internet, arte, grafitti, skate, roller, natureza, vivenda, xogos de rol, fotografía, información xuvenil, saúde, drogas, alcohol, emprego, deportes ou teatro.

Unha enquisa sobre vitalidade

A sondaxe consiste nunha enquisa para guiar e facilitar a expresión dos mozos e mozas. Farase chegar o cuestionario, que, se o desexan, poden devolver cuberto. O resultado que se obteña servirá para recoller argumentos de cara á Quedada Final, ao obxecto de ter o maior número posible de elementos de discusión.

A enquisa conta cunha versión especificamente concebida para o público universitario, con cuestións centradas de maneira máis particular sobre as actividades de ocio dos estudiantes.

A Quedada

O acto central de VIGO 20 é a Quedada, unha xornada de debate que terá lugar o 5 de abril nas instalcións do campus da Universidade de Vigo. Alí confluirán todos os traballos que os grupos formais e informais realizan durante o mes de marzo, as opinións espontáneas recollidas e o resultado das enquisas que se reciban.

Con ese material, composto de ideas, suxestións, críticas, propostas ou outros contidos, organizaranse discusións abertas. O resultado será uns apuntamentos sobre as tendencias activas nas que se moven os mozos e mozas da cidade e a Universidade, sen pretensións sociolóxicas, simples tendencias que achegan a opinión dos protagonistas.

Publicaranse posteriormente para a súa difusión pública. Será o Vigo 20 Doc, no que se recollerá toda a enerxía participativa do evento