Escoitar

A Concellería de Servicios Electromecánicos substitúe e mellora o alumeado público nas parroquias

martes, 4 mar 2003
A Concellería dos Servicios Electromecánicos realiza a substitución de luminarias de vapor de mercurio por outras de vapor de sodio co fin de reducir o alto valor contaminante das primeiras e mellorar o rendemento lumínico. As obras comezaron nas parroquias de Candeán, Matamá, Zamáns e Valadares.

Esta Concellería ten definido como unha das políticas prioritarias a da mellora das infraestructuras das instalacións da iluminación pública, de xeito global, para tratar de acadar unhas condicións óptimas de funcionamento cun consumo racional de enerxía co fin de obte-lo máximo rendemento lumínico e enerxético.

Por iso, este departamento elaborou un programa de substitución de luminarias nas parroquias de Vigo consistente na instalación de lámpadas abertas de vapor mercurio de 80 W por outras pechadas de vapor sodio de 70 W.

Os operarios de Electromecánicos comezaron esta semana coas substitucións de luminarias nas parroquias de:

-Candeán
Camiño Devesa, Subida Hermide, Camiño San Antonio(Travesía Monte Pequeno) e Rúa Castañal

-Matamá
Estrada Beirán e Camiño Simona

-Zamáns
Estrada San Cosme

-Valadares
Camiño Laranxo

Con este programa cambiaranse 119 luminarias, que actualmente son de vapor mercurio, por outras de vapor sodio, reducindo así o alto valor contaminante que teñen as primeiras e mellorando o rendemento lumínico.