Escoitar

O Concello suma 145.000 euros de apoio ao fútbol base da Fundación Celta de Vigo

A proposta elevada polo goberno de Vigo ao Pleno da Corporación deste luns foi ratificada polos tres grupos políticos. O edil de Facenda, Jaime Aneiros, subliñou o "importante" apoio que o Concello adica este ano ao deporte de base, que defendeu en termos de saúde e formación persoal.

luns, 4 xul 2016
O Pleno da Corporación de Vigo aprobou este luns por unanimidade a modificación de crédito presentada polo goberno local para destinar 145.000 euros ao proxecto de fútbol base da Fundación Celta de Vigo.

O concelleiro de Economía e Facenda, Jaime Aneiros, explicou que o obxectivo desta modificación orzamentaria é "apoiar o deporte de base" e recordou o "importante" respaldo que o goberno de Vigo destina este ano tanto a infraestruturas deportivas -sen contar coa reforma do estadio de Balaídos- como á práctica do deporte. Aneiros apuntou que son 34 os clubs de fútbol federados en Vigo cun total de case 7.900 licenzas, sumando as que xestiona o propio Celta e os clubs cos que colabora. Os 145.000 euros proceden da partida de promoción de rutas aéreas, segundo detallou.

Tanto Marea como Partido Popular respaldaron a modificación proposta. O voceiro de Marea, Rubén Pérez, valorou que os cartos procedan da partida de voos e pasen a "reforzar a actividade" na cidade. Pérez pediu "corresponsabilidade" con outros clubs de fútbol que teñen tamén escolas deportivas con bos resultados e censurou que o Real Club Celta non faga achega algunha á Fundación. Fidalgo, pola súa banda, manifestou que o seu grupo cre no deporte de base, asegurou que cada euro investido en multiplícase en termos de aforro en saúde e denunciou que outras formacións de fútbol e doutros deportes en Vigo non teñen estas axudas.

Jaime Aneiros pechou o debate incidindo en que "se alguén está apoiando o deporte de base é este goberno" e enumerou os 34 equipos de fútbol base que contan co apoio do Concello de Vigo.