Escoitar

O goberno de Vigo valida o convenio para apoiar con 70.000 euros á Orquestra Vigo 430

Este venres, a Xunta de Goberno Local validou o texto de convenio do Concello de Vigo coa Orquestra Vigo 430, un total de 70.000 euros de apoio á sinfónica viguesa. Abel Caballero denunciou que o municipal é o único respaldo institucional que recibe a formación musical.

venres, 1 xul 2016
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este venres da aprobación en Xunta de Goberno Local do texto do convenio de colaboración coa Orquestra Vigo 430, que percibe do Concello de Vigo 70.000 euros.

O rexedor denunciou que esta achega é o único apoio institucional que percibe a sinfónica viguesa, xa que a Xunta de Galicia achega "cero euros". Caballero eloxiou o proxecto "sólido e ben deseñado" da Vigo 430, vigués e "de rango internacional".

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o expediente de contratación para a adquisición de bancos para o mobiliario urbano e zonas verdes de Vigo. O contrato, expuxo Caballero, ascende a 75.000 euros e o número de bancos final dependerá do prezo que oferte o adxudicatario. No 2015, tal e como recordou o alcalde, cun importe de 40.000 euros se adquiriron 245 bancos.

Por último, o goberno de Vigo validou o texto dun convenio de colaboración coa Asociación de Nenos con Hiperactividad e e Déficit de Atención, ANHIDA, para apoialos, con 4.000 euros, nas súas actividades deste ano, que esencialmente consisten en terapias psicolóxicas e psicopedagóxicas, clases de apoio, charlas en colexios...