Escoitar

Caballero avoga na apertura de Navalia por "renovar" a "vocación" viguesa polo naval

A Feira Internacional da Industria Naval abriu este martes as súas portas no IFEVI e, durante a inauguración, o alcalde defendeu a necesidade de "renovar a nosa vocación de naval, de estaleiros" a amosouse aberto, se a organización así o decide, a facer de Navalia unha cita anual.

martes, 24 mai 2016
1464094754feiranavalia.jpg
Na súa intervención, Abel Caballero valorou que Navalia cumpra unha década como unha "mostra de robustez" dun proxecto "ben feito e cos pés na realidade", asentado nun ámbito de actuación "difícil, competitivo, globalizado". O alcalde vigués felicitou ao comité executivo e ao todo sector por ter consolidado esta feira en anos de crise e amosouse aberto a converter Navalia nun evento anual se a organización así o decide.

Xunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, tomaron parte esta mañá no IFEVI no acto de inauguración da Feira o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, e o presidente de Navalia, José García Costas, entre outras personalidades.

A Feira Internacional da Industria Naval celébrase no recinto feiral vigués do 24 ao 26 de maio, coa presenza confirmada de 750 expositores e máis de noventa países. A organización agarda a visita de 25.000 persoas e prevé superar os dez millóns de euros de negocio.
Descargar todas as imaxes