Escoitar

O goberno local amplía en case 7.000 prazas a oferta de campamentos urbanos de verán

Xunto aos edís de Xuventude e Deportes, Uxía Blanco e Manel Fernández, o alcalde de Vigo presentou este martes os campamentos urbanos e actividades de ocio para este verán, un total de 22.156 prazas, 6.770 máis que o ano pasado. O prazo de solicitude xa está aberto, ata o 30 de maio, e a adxudicación de prazas farase por sorteo. <br />

martes, 24 mai 2016
1464094458ruedacampamento.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este martes a apertura do prazo de solicitudes para as actividades de ocio e campamentos urbanos de verán do Concello e un incremento de case 7.000 prazas con respecto ao ano pasado.

Segundo explicou Caballero, o goberno de Vigo eleva as prazas dispoñibles ata as 22.156, con propostas para infancia e mocidade, desde os 4 ata os 30 anos. Os interesados poden inscribirse ata o 30 de maio, por vía telemática na web veran.xuventudevigo.org ou, de precisar apoio, co persoal e os ordenadores dispoñibles na Casa de Xuventude.

O rexedor detallou que, do total de prazas, 6.505 serán para campamentos urbanos e actividades deportivas e outras 15.650 vacantes, para accións de ocio infantil e xuvenil. Con respecto ao 2015, o Concello suma 1.020 prazas máis en campamentos e 5.750 de ocio. Abel Caballero salientou, como principais novidades, a organización de campamentos urbanos en Navia e un segundo de inmersión lingüística en inglés, e subliñou que o goberno de Vigo subvenciona máis da mitade do custo real de cada praza.

As actividades programadas polo Concello terán lugar en VigoZoo, na ría de Vigo (a bordo dunha goleta), no pavillón e na praia da ETEA, nos pavillóns deportivos de Navia, Bouzas, Coia, Travesas e no complexo deportivo de Samil, no CEIP Doutor Fleming, no Castro, en VigoSónico, nas praias de Bouzas e Alcabre, no Liceo Marítimo de Bouzas e na Casa da Xuventude.

Inscrición
Para evitar incidencias informáticas e adoptar un sistema máis xusto, o Concello optou este ano por modificar o proceso de inscrición. As familias poden apuntarse ata o 30 de maio (veran.xuventudevigo.org), recibirán o seu número de inscrición e, unha vez pechado o prazo, se adxudicarán as prazas por sorteo. Requírese estar empadroado en Vigo.

O 2 de xuño publicarase o primeiro listado de adxudicación de prazas, outro coas vacantes e a lista de agarda. Os beneficiarios formalizarán as inscricións do 2 ao 7 de xuño. O 10 de xuño farase público o listado definitivo das prazas que quedaron libres, que se poderán pedir os días 13 e 14 de xuño. Neste segundo proceso, a adxudicación é directa, por orde de chegada á Casa da Xuventude, entre os solicitantes da lista de agarda. O Concello abrirá un terceiro prazo de inscrición o 20 de xuño de haber aínda vacantes, tamén de adxudicación directa.
Descargar todas as imaxes