Escoitar

O Concello aproba o proxecto para que o Auditorio Mar de Vigo acolla a UNED e unha sala de estudio de 450 prazas

Caballero deu conta esta mañá da aprobación do proxecto de obras que permitirá que o Auditorio Mar de Vigo acolla á UNED e unha sala de estudo nas prantas 4ª, 5ª e 6ª. Tal e como lembrou o rexedor, estes traballos de remodelación, máis a dotación de mobiliario, correrán a cargo da Deputación no que supón unha aportación final de 800.000 euros.

venres, 20 mai 2016
A Xunta de Goberno Local deu luz verde esta mañá de venres ao proxecto de obras para o acondicionamento dos espazos no Auditorio Mar de Vigo que permitirán instalar nas tres últimas plantas do edificio á UNED máis unha sala de estudo de 450 prazas, unha "gran demanda entre a mocidade". Deste xeito, dáse un paso máis na consolidación da universidade a distancia na na cidade, que xa conta con moitas titulacións e que seguirá a sumar moitas máis, precisou o rexedor en rolda de prensa.

Este proxecto finánciase grazas a un convenio asinado coa Deputación de Pontevedra polo que o organismo provincial achega 800.000 euros, dos que 600.000 son para os traballos de remodelación e os 200.000 restantes, para a dotación de mobiliario.

O goberno local, por outra banda, tamén deu luz verde esta mañá a unha subvención de 500.000 euros á xestora do Auditorio Mar de Vigo para a programación e organización de actividades artísticas e socioculturais durante o 2016. O obxectivo, detallou, é potenciar e achegar á cidadanía unha oferta cultural diversificada, tendo en conta que neste ano, organizaránse preto de 50 actividades subvencionadas.

Na Xunta de Goberno desta mañá tamén se aprobaron as bases reguladoras e convocatoria do Programa de axudas municipais á creación de empresas. Cun importe de 70.000 euros, son axudas dirixidas a empresarios individuais e PYMES que iniciasen a súa actividade entre o 1 de abril de 2015 e o 31 de marzo de 2016.