Escoitar

Caballero e Pastor acordan humanizar a Avenida de Madrid cun proxecto de 9 millóns

O alcalde avanzou hoxe venres que o Ministerio de Fomento asumirá a humanización da Avenida de Madrid cun proxecto valorado en 9 millóns de euros. Deste xeito, Vigo contará cun novo acceso á cidade en dous anos e medio, prazo no que se prevé acometer as obras, que irán desde o Seminario ata a Praza de España.

venres, 20 mai 2016
O alcalde de Vigo e a ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor, acordaron acometer a humanización da Avenida de Madrid -desde o seminario ata a Praza de España- cun custo de 9 millóns de euros. Ambas administracións comezarán de xeito inmediato a tramitación administrativa que lle corresponda a cada unha delas e os detalles das obras daránse a coñecer á firma do convenio entre ambas institucións e os traballos alongaránse durante dous anos e medio. Trátase, dixo, dunha "moi boa nova" que se suma a outro proxecto pendente co Ministerio de Fomento, neste caso a rehabilitación da muralla de O Castro. Neste caso, tal e como lle garantiu a ministra ao alcalde, o goberno central achegará 800.000 euros para a recuperación da muralla e o Concello enviará inmediatamente o proxecto de obras para que poida ser licitado.

Caballero e Pastor ratificaron estes acordos durante unha conversa telefónica mantida no día de onte xoves e, tal e como explicou o rexedor, haberá novos contactos inmediatos entre ambos responsables políticos para avanzar na tramitación destes proxectos.