Escoitar

O Concello inviste 400.000 euros na renovación do céspede dos campos do Comesaña e Monte da Mina

As obras de substitución do céspede artificial, que supoñen un investimento de case 400.000 euros, enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre o Concello e a Deputación de Pontevedra. Ademais, a Xunta de Goberno Local adxudicou a contratación dos servizos de salvamento e socorrismo nas praias do Concello cun importe de 400.000 euros ao ano.

martes, 24 mai 2016
A Xunta de Goberno Local celebrada este martes pola mañá aprobou os proxectos de renovación do céspede artificial dos campos de fútbol do Comesaña e do Monte da Mina, en virtude do convenio asinado entre o Concello e a Deputación de Pontevedra. As obras supoñerán un investimento de case 400.000 euros, sendo arredor de 200.000 para cada unha das superficies que deben ser substituídas. Abre agora o período de licitación e está previsto que as obras se adxudiquen nun período breve de tempo.

O alcalde informou tamén da aprobación na Xunta de Goberno da adxudicación da contratación dos servizos de salvamento e socorrismo nas praias do Concello. O contrato, cun importe de 400.000 euros anuais, terá vixencia durante os anos 2016 e 2017 coa posibilidade de ser prorrogado dous anos máis, en 2018 e 2019. Son dez os areais nos que se presta o servizo: A Punta (Teis), O Tombo do Gato, Argazada (Alcabre), Samil, O Vao, Fontaíña (Coruxo), Canido (San Miguel de Oia), Fortiñón (Saiáns), Rodas e Figueiras (Illas Cíes). Abel Caballero destacou que Vigo "dedica cada vez máis recursos a salvamento mentres o conxunto de praias de España dedica menos, o que nos permite exhibir bandeiras azuis e facer unha oferta de calidade nas praias viguesas".