Escoitar

O goberno local adicará 16,2 millóns a investimentos no 2016 mantendo débeda cero

O alcalde de Vigo avanzou esta mañá un investimento de 16,2 millóns de euros para acometer obras en toda a cidade ao longo de 2016, dos que 7,1 proceden do superávit de 2015. O rexedor resaltou que esta capacidade inversora é posible nun Concello con débeda cero, coa presión fiscal máis baixa de Galicia e sendo a segunda administración que antes paga aos provedores.

luns, 4 abr 2016
Abel Caballero destacou hoxe luns a boa noticia que supón para a cidade contar cun superávit de 22,3 millóns de euros e débeda cero, unhas cifras "que me atrevo a dicir nos colocan como o único concello dunha grande cidade europea con estas finanzas". Ademais de amortizar 7,2 millóns de débeda, adicaranse a investimentos outros 7,1 millóns dos que 2,1 serán para a remodelación do Estadio Municipal de Balaídos e outros 5 serán para acometer as seguintes humanizacións: Castelao -entre Redondela e Porriño-; Estorniño -entre Gregorio Espino e Xílgaro; Camelias -entre Doctor Marañón e Juan Ramón Jiménez; Álvaro Cunqueiro e Vía Norte -entre Travesía de Vigo e Escultor Gregorio Fernández.

A estas obras, hai que sumar as incluidas no orzamento de 2016, o que eleva a 16,2 millóns o montante inversor do Concello para este exercicio. Tal e como detallou en rolda de prensa, vanse humanizar as seguintes rúas: Herreros, Rosalía de Castro, Gregorio Espino, Aragón, segunda fase das escaleiras de Abeleira Menéndez, Llorente, Bueu, Doctor Corbal, Canceleiro, Marqués de Valterra, acometeránse melloras en distintas parroquias, en parques, construiranse novas áreas de recreo infantil, realizaranse melloras na Etea, campos de fútbol, Parque de Bombeiros, ademais do aparcamento público do hospital Beade-Valadares.