Escoitar

Caballero valora a "importante" oferta internacional do aeroporto co inicio de Boloña e Dublín

Este venres da comezo a ruta entre Vigo e Boloña operada por Ryanair, aeroliña que tamén arranca este domingo a conexión viguesa con Dublín. Ademais, o alcalde salientou que Peinador ten pechados directos con Londres, Lisboa, Bruxelas, Roma, Milán e Edimburgo, un "ámbito de voos internacionais certamente importante".

venres, 1 abr 2016
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, saudou con "satisfacción" o inicio dos voos internacionais de Ryanair desde a cidade, hoxe venres con Boloña e o domingo con Dublín, que funcionarán ininterrompidamente ata o mes de outubro.

En virtude do concurso público de promoción turística da cidade, Ryanair iniciou en xaneiro os voos diarios con Barcelona, e desde esta fin de semana conecatarán Vigo con Boloña e Dublín. A estes, o próximo ano sumaranse as rutas con Edimburgo e Milán.

Abel Caballero subliñou que no verán entrará en funcionamento o voo operado pola TAP entre Vigo e Lisboa, e os percorridos de Air Nostrum con Londres, Bruxelas e Roma. O alcalde valorou o "ámbito de voos internacionais certamente importante" que opera ou vai operar desde Vigo: Dublín, Boloña, Milán, Edimburgo, Bruxelas, Roma, Londres e Lisboa.