Escoitar

O alcalde iniciará o luns as reunións pola anulación do PXOM cos sindicatos, arquitectos e avogados

Caballero manterá o próximo luns as primeiras entrevistas da rolda de contactos con sectores e colectivos sociais da cidade, reunións nas que o alcalde explicará o proceder municipal para minimizar o impacto da sentencia do Tribunal Supremo contra unha resolución da Xunta que provocou a anulación do Plan Xeral vigués.

venres, 4 dec 2015
O rexedor vigués anunciou hoxe venres que celebrará o próximo luns reunións de traballo con representantes dos sindicatos, do Colexio de Arquitectos e do Colexio de Avogados, as primeiras entrevistas que manterá con sectores e colectivos sociais da cidade para explicar como procederá o Concello de Vigo para minimizar o impacto da anulación do PXOM.

O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo, explicou, foi anulado por unha sentencia do Tribunal Supremo contra unha resolución da Xunta de Galicia non suficientemente ben xustificada, en opinión dos tribunais. Caballero indicou que existen varias opcións para intentar limitar os efectos deste fallo xudicial en proxectos estratéxicos para a cidade, en colaboración co propio goberno autonómico, alternativas que explicará desde a próxima semana.

Caballero anunciou para o luns reuniós cos sindicatos, arquitectos e avogados, e avanzou que o xoves celebrará novas entrevistas con representantes dos empresarios e o venres, con organizacións sociais e veciñais.

O alcalde tamén referiuse ás cinco novas sentencias estimatorias contra o Plan Xeral de Vigo, consecuencia da resolución primeira do Supremo que está a producir efecto fervenza. Os novos fallos non entran no fondo da cuestión, explicou Caballero, senon que todas presentan a mesma causa de nulidade: a anulación anterior do PXOM.

Caballero reiterou que a actuación do Concello na tramitación do Plan Xeral "foi impecable", tal e como ratifica o Supremo e enviou unha mensaxe "tranquilizadora" aos axentes sociais porque "non hai inseguridade xurídica" xa que están en vigor as normas urbanísticas do Plan do 93.