Escoitar

Inauguración exposición de Mingos Teixeira na Casa das Artes

O venres 4 de decembro, ás 20:00 h, inaugúrase na Casa das Artes a exposición "Alicia no país das Marabillas". Mingos Teixeira: Metamorfose", promovida pola Concellería de Cultura. Nesta exposición, o espectador gozará dunha síntese creativa multidisciplinar onde a pintura se mestura coa música, o teatro, o mundo audiovisual e a literatura nunha experiencia cultural que non lle deixará indiferente.

xoves, 3 dec 2015
É unha exposición onde Alicia será o alter ego de Mingos Teixeira e as súas aventuras representarán as analoxías das diferentes etapas evolutivas como artista ao longo das últimas catro décadas.

Esta mostra pretende ser unha visión evolutiva de corenta anos de creación dun artista cun evidente traballo de reflexión, investigación e método ao servizo do espírito; a través dos diferentes ciclos pictóricos, poderemos observar ese traballo de investigación ao que somete a súa propia obra, en continuo diálogo consigo mesmo, avanzar e retroceder, continua metamorfose sempre ao redor do seu propio método e técnica, pintura aparentemente evocativa e intuitiva que se transforma en mental e analítica, un artista que emprega as súas ferramentas coa mesma exactitude con que o poeta utiliza as palabras.

Mingos Teixeira proponnos diferentes estímulos á percepción e á sensibilidade a modo de diálogos entre artista e espectador do mesmo xeito que Alicia dialogaba cos diferentes personaxes da súa historia.

A Concellería de Cultura oferta obradoiros, realizados polo propio artista, os sábados 5, 12 e 26 de decembro, 2 e 9 de xaneiro, ás 18:30 h, cunha duración aproximada de 90 minutos. Os seus destinatarios serán grupos familiares, nenos e nenas a partir dos seis anos acompañados necesariamente por algunha persoa adulta.

A inscrición nos obradoiros precisa reserva previa, que poderán realizar a partir do venres 27 de outubro, ben telefonicamente (a través do 986.240.130 ou 619 94 89 20; de luns a venres, de 10:00 a 14:00 h e de 17:00 a 20:00 h), electronicamente no enderezo "info.aprmvigo@gmail.com", ou presencialmente (no lugar da exposición, no horario de apertura da Casa das Artes: de luns a sábado, de 18:00 a 21:00 h; e sábados, domingos e festivos de 12:00 a 14:00 h).

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 10 de xaneiro de 2016.