Escoitar

Manel Fernández di que o Torneo Concello de Vigo de fútbol, no Nadal con 2.000 nenos, "consolídase como referencia no inverno"

O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, anunciou hoxe a apertura do prazo de inscrición, ata o día 21, para a terceira edición do Torneo Concello de Vigo de Nadal, que se xogará nas modalidades de fútbol 8 e fútbol 11 do 28 ao 30 de decembro e o 4 e 5 de xaneiro en dezaseis campos da cidade.

mércores, 2 dec 2015
1449065769futbol.jpg
"É unha edición moito máis elaborada e potente para que os nenos poidan desenvolver a actividade que máis lles gusta: xogar ao fútbol", asegurou o edil de Deportes, que avanzou unha estimación duns 2.000 nenos e nenas nacidos entre 2002 e 2012. As finais, no Municipal de Pahíño, en Navia.

A organización, que contará co apoio da delegación viguesa da Federación Galega de Fútbol, a Asociación de Fútbol Afeccionado de Vigo (Afavi) e o comité local do Colexio Galego de Árbitros, estará coordinada por Belarmino Alonso, Milucho.

O responsable político do deporte local explicou que haberá "máis categorías", que se amplían a seis (biberón, mini, prebenxamín, benxamín, alevín e infantil) ao absorber tamén nun o torneo VIDE de Reis, "máis campos" (pásase de catro a dezaseis) para "descentralizar o evento" e dar protagonismo a barrios e parroquias, afirmou Manel Fernández.

As novidades deportivas son varias. As categorías biberón (nacidos en 2011 e 2012) e mini (2010) manterán os mesmos valores que se aplican á liga de fútbol 7 do programa municipal de escolas deportivas: partidos sen resultado. Prebenxamín (2008 e 2009) e benxamín (2006 e 2007) aportan unha novidade ao xogarse os seus partidos en catro tempos de 10 minutos nos que se sumarán un máximo de dous puntos por parte ou un en caso de empate; non se contabilizará o número final de goles, podendo concluír cada encontro cun resultado máximo de 4-0. "Pretendemos que todos os nenos inscritos xoguen e por iso obrigaremos a que polo menos sexan aliñados nun cuarto", asegurou Milucho. E non dar opción a marcadores escandalosos. A categoría alevín (fútbol 7, 2004 e 2005) e a infantil (fútbol 11, 2002 e 2003) disputaranse ao modo tradicional.

Os encontros serán dirixidos por árbitros federados (á rolda de prensa acudiu Jorge Cendón, o seu presidente en Vigo) e tanto Enrique González (FGF) como Daniel Costas (Afavi) celebraron a potenciación deste torneo, "bo para o fútbol vigués".

O concelleiro de Deportes incidiu en que o torneo, que contará con cincuenta voluntarios, "consolídase como o gran evento do inverno mentres a Vigo Cup é o gran evento do verán".

Coca-Cola, Faro de Vigo, Frutas Nieves, Citroën, New Balance e a Fundación VIDE son os colaboradores deste torneo que patrocina o Concello.
Descargar todas as imaxes