Escoitar

O goberno de Vigo remodelará cinco pistas deportivas da cidade

Entre os asuntos abordados este venres na Xunta de Goberno Local, Abel Caballero salientou a aprobación dos plans de seguridade e saúde -último trámite administrativo previo ao inicio das obras- para a construción dunha pista de petanca en Cabral e para a mellora dos recintos deportivos de San Paio de Navia, Fotógrafo Luis Ksado, Praza Mestre Prudencio Rodríguez Dios e Párroco José Otero.

venres, 4 dec 2015
O goberno de Vigo aprobou este venres os plans de seguridade e saúde para as obras de construción dunha pista de petanca nos terreos da Asociación de Veciños Feira-Cabral e para remodelar as pistas deportivas da alameda de San Paio de Navia, de Fotógrafo Luis Ksado, de Praza Mestre Prudencio Rodríguez Dios e a de Párroco José Otero.

Asegurou Abel Caballero ante os medios de comunicación que "nós facemos do deporte unha gran prioridade deste goberno", procurando favorecer e fomentar a práctica de distintas disciplinas por xente de todas as idades.

Club de Campo de Vigo
Tamén no eido deportivo, o goberno de Vigo adxudicou unha subvención de 15.000 euros ao Club de Campo para colaborar coa organización e celebración o pasado mes de agosto da 75ª edición do Concurso Internacional de Tenis de Vigo – Copa Bedriñana, certame de tradición que naceu no 1940.