Escoitar

A apertura das escolas infantís de Mestres Goldar e Navia está pendente da autorización da Xunta

O Concello avanza nos trámites administrativos das escolas infantís de Navia e Mestres Goldar para axilizar ao tempo que se espera polas pertinentes autorizacións da Xunta. Deste xeito, o goberno local confía en que en setembro poidan funcionar, tal e como estaba previsto.

venres, 19 xuñ 2015
A Xunta de Goberno Local deu luz verde esta mañá o expediente de contratación, por procedemento aberto, do Servizo para a xestión da Escola Municipal de Navia. Cun importe de 891.000 euros por catro anos, esta aprobación ten por obxectivo avanzar nos trámites administrativos para que este centro e o de Mestres Goldar poidan funcionar tan pronto cheguen as pertinentes autorizacións que debe emitir a Xunta de Galicia, unha vez que o Concello xa realizou as adaptacións requeridas.

O rexedor lembrou en rolda de prensa que, Vigo xa conta con outras seis escolas infantís funcionando: Santa Cristina -Lavadores; Atalaia -Teis; Santa Marta -Casco Vello; Costeira -Saiáns; Tomás Alonso e Bouzas. O orzamento anual para escolas infantís é de 1,5 millóns.

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o proxecto de convenio para a concesión de 16.000 euros de subvención para a Fundación Secretariado Xitano. Servirán para financiar programas de loita contra a discriminación. Na mesma reunión, asimesmo, deuse conta doutra achega de 8.000 euros en favor do Comesaña Sporting Club, que este ano celebra o seu centenario.

Pola súa banda, o goberno local aprobou 15.000 euros para á Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos, unha entidade financiada nun 85% desde Vigo e nun 15% desde a Xunta, a pesar de ser unha comptencia autonómica.

Túneis
Outros dos asuntos que se aprobaron esta mañá foi a adxudicación provisional do mantemento integral das instalacións electromecánicas dos túneis, pasos inferiores e galerías de servizos da cidade. O obxectivo é garantir o perfecto funcionamento destes servizos 24 horas ao día. Concretamente, detallou o rexedor, este contrato inclúe os seguintes túneis: entrada e saída da AP9, Praza América, Beiramar, Berbés, Bouzas, Gregorio Espino, Isaac Peral, Martínez Garrido, Praza de España, Travesía de Vigo, ademáis da galería de servizos de Navia.