Escoitar

Exposición de fotografía de Jean Dieuzaide ”Viaxe a Galicia”

xoves, 5 dec 2002
imx2092.jpg
Imaxe da mostra
”Viaxe a Galicia” de Jean Dieuzaide forma parte do proceso de colaboración na producción entre a Universidade de Santiago e o CGAI, e preséntase en Vigo a través do Departamento de Cultura do 5 de decembro de 2002 ó 12 de xaneiro de 2003 na Casa das Artes. Trátase de 55 fotos realizadas entre os anos 50/60. O seu comisario é Manuel Vilariño, coa colaboración de Michel Dieuzaide, director do Chateau d´Eau de Toulouse (Francia). A responsable de itinerancia é Mercedes Rosón, sudirectora da área de cultura da U. Santiago.

Jean Dieuzaide (Grenade-sur-Garone, Francia, 1921) levou a cabo distintas viaxes por España dende principios da década dos cincuenta ata os primeiros anos sesenta, por encargo da editorial francesa Arthaud. En Galicia estivo en 1958 e 1961, e realizou un extenso traballo por todo o seu contorno xeográfico.

A exposición La Galice amosa unha selección de 55 fotografías do arquivo privado do autor, que conserva na súa residencia de Toulouse, que mostran a vida nas vilas e cidades, no campo e nas rías, dunha Galicia previa ó desenvolvismo que conservaba moitos dos seus singulares sinais de identidade. Dieuzaide, fascinado polo seu descubrimento de Galicia, integrouse no medio humano atento ó que sucedía diante dos seus ollos, medio ó que non era alleo por proceder dun ambiente rural con certas similitudes co galego. Así, as súas fotografías denotan o fondo respecto ante as xentes e as terras de Galicia e hoxe en día son un fresco vivo dun tempo pasado no que aínda podemos recoñecer parte dos escenarios. Estas fotografías permaneceron inéditas ata hoxe e a súa recuperación permitirá contemplar unha Galicia pretérita, pero claramente recoñecible.

Jean Dieuzaide, posuídor dos máximos galardóns outorgados en Francia relacionados coa fotografía (premios Nadar e Niepce, entre outros) e a cultura (Oficial da Orde das Artes e as Letras), fundou en Toulouse en 1974 a galería Chateau d´Eau, un dos centros institucionais de difusión fotográfica máis destacados de Francia.

A súa obra está presente en coleccións da talla do Museo Ludwing (Colonia), da Biblioteca Nacional de Francia ou do Metropolitan Museum (Nova York).

Ademais de varios libros sobre España e Portugal (o primeiro editado en 1953), en relación con Galicia publicou en París The Ways to Santiago en 1961, con textos de Yves Bottineau.
Descargar todas as imaxes