Escoitar
Malabares, bailes de salón e técnicas para ligar

As ‘Noites Vivas’ sortearán unha viaxe á República Dominicana e unha moto

xoves, 5 dec 2002
A Concellería de Xuventude sorteará o 7 de xaneiro unha viaxe á República Dominicana para dúas persoas, dunha semana de duración, con tódolos gastos incluídos e unha moto scooter 50CC dentro do programa das Noites Vivas, posto en marcha o 1 de novembro para enche-las noites das fins de semana dos mozos de actividades alternativas ós pubs e discotecas.

Este será o primeiro sorteo dunha longa serie, que se celebrará periodicamente. En futuras ocasións sortearanse ordenadores, televisores ou bicicletas, entre outras cousas. No sorteo do 7 de xaneiro poderán participar tódolos mozos que merquen o carné das Noites Vivas ata o 21 de decembro.

O carné das Noites Vivas é unha novidade da edición deste ano. Custa 6 euros e pode adquirirse na Casa da Xuventude (rúa López Mora), o Centro Xuvenil da rúa Uruguai, o Cibercastro, a Concellería de Deportes do Concello de Vigo e nas sedes do programa ó inicio das actividades.

O carné permite participar en tódalos actos das Noites Vivas que se celebrarán ata final de curso (este ano, por primeira vez, o programa é estable) e en tódolos sorteos que se fagan.

Malabares, bailes de salón e técnicas para ligar

Malabares, musculación, bailes de salón, break dance, pintado de camisetas o técnicas para ligar son algúns dos contidos das Noites Vivas desta fin de semana. O programa está organizado pola Concellería de Xuventude do Concello de Vigo para ofrecer ós mozos unha alternativa ó alcohol, ós pubs e ás discotecas.

A meirande parte das actividades comezará entre as 22.00 e as 23.00, aínda que algunhas o farán ás 18.00 ou ás 19.00.

Programación do venres 6 de decembro:
–Centro Xuvenil Municipal da rúa Uruguai: contacontos, internet, selfservice (obradoiros libres de chapas, cestería, pintado de camisetas, etc.), sala de xogos.
–Pavillón do Berbés: bailes de salón, malabares, musculación, squash, pachanga nocturna.
–Asociación de Veciños de Beade: cíber, bailes de salón, cine (Monstruos, S. A.).
–Asociación Xuvenil Abertal: Faino ti mesmo (obradoiros libres de chaveiros de coiro, pulseiras de fío, papiroflexia, etc.), futbolín, internet, sala multiusos, PIX.
–Espacio Xove do Castro: obradoiro de pintado de camisetas, campionato de xogos na rede.
–Club Slot Vigo: scalextric.
–Praza Elíptica: slot, bailes estándar, obradoiro de trenzas africanas.
–Piscina de Travesas: acuaeróbic.
–Plan Comunitario de Teis: obradoiro de xoiería artesanal, xogos de mesa, malabares.

Programación do sábado 7 de decembro:
–Centro Xuvenil Municipal da rúa Uruguai: tinxido en tela, internet, selfservice (obradoiros libres de chapas, cestería, pintado de camisetas, etc.), sala de xogos.
–Asociación Xuvenil Abertal: obradoiro de globoflexia, futbolín, internet, sala multiusos, PIX.
–Espacio Xove do Castro: obradoiro de pintado de camisetas, campionato de xogos na rede.
–Pavillón de Coia: obradoiro de break dance, obradoiro de maquillaxe de efectos, técnicas para ligar.