Escoitar

Entrega dos premios ”Galegas destacadas” ao labor feminino ante a marea negra

venres, 7 feb 2003
imx2308.jpg
Praia de Canido
A asociación de mulleres ”Diálogos 90” entregará os premios ”Galegas destacadas 2002”, adicado este ano ao labor das mulleres perante a marea negra, no transcurso dunha recepción oficial que se celebrará o sábado 8 de febreiro ás 13:00 nas dependencias da Alcaldía.

As distincións recaerán nesta edición en tres colectivos para premiar o esforzo realizado por mulleres ante a chegada do fuel ao litoral galego. Eva Cordeiro, Marisa Paz, Mila Bastón e Agustina Soto, pertencentes á lonxa de Cangas, recollerán o premio en representación das traballadoras do mar: Laura Fernández Pérez, pola organización do voluntariado, e Ana Guantes, polo labor dos medios de comunicación.

Estes galardóns distinguen, desde 1993, o traballo de mulleres destacadas tanto polo seu público recoñecemento como por desempeñar o seu labor no anonimato. Luz Casal, Carmen Avendaño, Luz Pozo Garza, Rosa Fontaíña, Aida Fernández ou Xohana Torres foron algunhas das mulleres condecoradas nas pasadas edicións.

Este premio organízase o 8 de febreiro co gallo da celebración da efeméride do pasamento da ilustre pensadora e escritora Concepción Arenal. Previo ao acto de entrega das distincións, realízase unha ofrenda floral no monumento funerario desta célebre galega situado no cemiterio de Pereiró.
Descargar todas as imaxes