Escoitar

Inaúgurase a mostra ”Nace unha cidade universitaria” na Casa das Artes

xoves, 6 feb 2003
A exposición “Nace unha cidade universitaria”, baseada nos proxectos urbanísticos e arquitectónicos de Miralles en Venecia e Vigo, inaugúrase na Casa das Artes. A mostra está integrada polos proxectos ”VeneziaVigo” do estudio de arquitectura Enric Miralles-Benedetta Tagliabue e ”Visións” dos fotógrafos Vaqueiro, Sendón e Suárez Canal.

A viúva de Enric Miralles, Benedetta Tagliabue, destacou a dobre condición da exposición froito de proxectos radicalmente distintos deseñados para dous entornos: o da lagoa veneciana e o do monte de Marcosende en Vigo. ”Esta disparidade non evita, sen embargo, a fusión factible de ambos proxectos que, ademais da autoría, comparten e mesturan os elementos primordiais de terra e auga”, dixo Tagliabue.

O espacio principal é o andel ”VigoVenezia”, unha estructura metálica con baldas en seis niveis e un trazado sinuoso de 21 metros de lonxitude, cun eixo que divide os elementos que compoñen a lectura Venezia a unha beira e Vigo na outra. Maquetas, debuxos, bosquexos, planos e outros materiais de ambos proxectos sucédense polos niveis deste andel, do que penduran e se suspenden en planos oblicuos e case nunca manteñen a perpendicularidade como correspondería a un andel común.

Outro elemento da exposición é a “Casiña de Benedetta” que contén a proxección ininterrompida dunha curtametraxe de Bigas Luna, Collana di mosche (Colar de moscas), de tres minutos de duración, na que o cineasta presenta unha alegoría sobre a vida de Miralles baseada na singularidade dun personaxe que facía colares con moscas vivas. Este lugar, de cores vivas, é un espacio fantástico que só admite a entrada dun espectador para presenciar o filme en posición horizontal, mirándoo cara arriba.

Na realización do proxecto de Enric Miralles para o campus das Lagoas-Marcosende empregáronse impoñentes máquinas e, sobre todo, a laboriosidade de ducias de técnicos e operarios para vencer a resistencia dos montes e acadar os perfís urbanísticos e arquitectónicos propostos no proxecto. Víctor Vaqueiro, X.L. Suárez Canal e Manuel Sendón foron os encargados do seguimento descritivo desas obras dende abril de 2001.

Resultado deste traballo é “Visións”, unha mostra fotográfica composta por miles de instantáneas que recollen o proceso de construcción do campus. Para Suárez Canal, “esta é unha exposición na que a montaxe é fundamental, pois se incorporan distintos elementos que lembran o campus, entre eles os ruídos que acompañaron durante o traballo, ademais tamén se creou un CD no que se amosa a progresión das múltiples tarefas que alí se realizaron”.

Ademais dos proxectos de Venecia e Vigo, a exposición tamén inclúe outras importantes obras desenvoltas polo estudio de arquitectura Enric Miralles-Benedetta Tagliabue en distintos lugares de Europa: o Parlamento de Escocia, o Concello de Utrecht ou o Mercado de Santa Caterina de Barcelona.