Escoitar

O alcalde abre o seminario de reflexións xurídicas sobre o caso ”Prestige”

xoves, 6 feb 2003

Discurso do alcalde, Lois Castrillo, no acto de inauguración do seminario de reflexións xurídicas sobre o caso ”Prestige” organizado pola Asociación de Dereito Marítimo.

Case tres meses despois de que tivesemos noticia de que existía un petroleiro monocasco chamado ”Prestige”, aínda seguen aparecendo nas praias galegas, cantábricas e francesas manchas de fuel. Tres meses despois semella que a loita contra o chapapote non fixo máis que comezar. E o máis preocupante é que non sabemos cando rematará.

O barco causante da persistente marea negra, do que por certo xa apenas se fala, segue vertendo fuel dende o fondo do oceano sen que a estas alturas as autoridades coñezan como van deter a permanente fonte de contaminación. Entre mentres, fronte ás costas galegas seguen navegando centos de buques que transportan mercadorías perigosas: algúns deles permitíndose limpar os seus tanques aproveitando o rebumbio.

Galicia enfróntase nestes intres a un problema de primeira magnitude cunhas consecuencias catastróficas para a súa economía. Aínda resulta difícil medir as repercusións ecolóxicas, económicas e sociais que terá a marea negra, pero sí podemos agoirar que se deixarán sentir durante moito tempo.

Coido que estamos ante unha situación da suficiente gravidade como para que as institucións españolas e europeas tomen medidas de inmediato. As ostentosas declaracións realizadas polos nosos máximos responsables políticos nos primeiros momentos do desastre, atribuindo a catástrofe á falta dunha lexislación estricta, de controles rigorosos e de medidas preventivas a nivel internacional, deben traducirse agora en decisións concretas, en medidas que reparen esas grandes eivas no dereito marítimo.

Ao tempo que se van esvaecendo as imaxes dos mariñeiros recollendo chapapote coas súas mans, e que outros asuntos monopolizan as primeiras páxinas dos xornais, vai perdendo forza aquela determinación primaria de impulsar medidas lexislativas que modifiquen a situación actual. Non podemos deixar que se esqueza a traxedia. Este é o momento no que cómpre esixir con firmeza accións que, se non poden evitar que ocorran novos accidentes, alo menos os fagan máis improbables.

Por iso celebro que a Asociación de Dereito Marítimo organizara este foro de reflexión en torno ao caso ”Prestige”. As conclusións deste encontro deben servir de apoio nesa tarefa inaprazable que é a reforma do ordenamento xurídico, para que poidamos dispor de mellores instrumentos para evitar sinistros coma o que estamos lamentando, ou para afrontar con máis eficacia problemas da mesma índole no futuro.

Polo que sei, esta xornada abordará os aspectos clave da cuestión: ¿cómo se persegue aos responsables da catástrofe ecolóxica?, ¿cómo indemnizar aos afectados? E, sobre todo, pensando no futuro ¿cómo protexemos os nosos mares e aumentamos a seguridade do tráfico marítimo?. O prestixio dos participantes garante a altura dos debates e a pertinencia das conclusións.

O meu desexo é que as aportacións que aquí se fagan sexan recollidas por quen corresponde e cheguen a plasmarse en medidas lexislativas e en plans de prevención. Galicia non admitiría que, pasados os meses, se esquecese a traxedia e nada cambiara. A nosa sociedade xa falou alto e claro dicindo que nunca máis pode repetirse un conxunto de circunstancias tan reprobables como as que nos conduciron a esta situación.

Ogallá as súas propostas sexan de utilidade nun futuro próximo. Gracias pola súa presencia.