Escoitar

Remodélanse os xardíns do barrio da Salgueira, unha extensión de 5.000 m2 de zona verde

venres, 7 feb 2003
A Concellería de Montes, Parques e Xardíns iniciou esta semana a remodelación dos xardíns interiores do Grupo Sindical da Salgueira. Para realizar esta actuación, redactouse un proxecto de xardinería en colaboración coa asociación de veciños que achegou as súas ideas.

A remodelación consiste na creación de macizos de plantas nas entradas ás vivendas, nunha reordenación das árbores e arbustos existentes nas parcelas interiores e nunha resembra do céspede que está deteriorado polas obras de acometida de distintas instalacións. O conxunto de parcelas afectadas ten unha extensión de 5.000 m2.

O transplante de exemplares dunhas zonas a outras é necesario para conseguir unha reordenación da vexetación acorde co espírito do proxecto e así tamén permite un mellor labor de mantemento. Algúns destes exemplares teñen que ser substituídos xa que presentan un estado sanitario deficiente, unhas características non idóneas ao uso da zona, causan problemas de humidades ou impiden a iluminación natural nas vivendas dos veciños.

A remodelación das zonas axardinadas do barrio da Salgueira contribuirá a mellorar a estética do mesmo dándolle un aspecto máis cálido e fomentará o encontro dos cidadáns nas zonas verdes, dentro dos uso social e de lecer pretendidos con este proxecto.