Escoitar

O Concello creou 327 novos aparcamentos en 2014, 93 para persoas con mobilidade reducida

Carlos Font fixo este martes un pequeno balance do traballo da Concellería de Seguridade e Mobilidade durante o pasado ano, entre o que destacou a creación de 234 prazas de estacionamento xeral e outras 93 máis reservadas a persoas con mobilidade reducida. O concelleiro anunciou ademais unha nova app de tráfico para definir o mellor percorrido e o tempo de duración deste.

martes, 24 mar 2015
1427214340font.JPG
O segundo tenente de alcalde e concelleiro de Seguridade e Mobilidade, Carlos L. Font, fixo este martes balance das principais accións levadas a cabo desde este departamento municipal no pasado 2014, salientando entre outras a creación de 234 novas prazas de estacionamento e outras 93 máis reservadas para persoas con mobilidade reducida.

Estas prazas forman parte do plan de mellora dos estacionamentos que implementa o goberno local, baseado na localización de rúas onde poder converter as prazas en liña en estacionamentos en batería sen afectar á fluidez de tráfico. Con este sistema, o Concello conseguíu 234 novos espazos, principalmente nos entornos de Fátima, Rosalía de Castro e Barreiro. Font avanzou que o goberno de Vigo continúa na procura de novas zonas onde poder aplicar esta mellora.

Carlos Font tamén anunciou a creación en próximas datas dunha web e dunha app para móbiles e tablets, que ofrecerá información sobre o mellor percorrido de tráfico posible ao longo da cidade e o tempo de duración deste, baseados nos datos recollidos na sala de control municipal.

O concelleiro subliñou outras melloras acometidas o pasado ano, como a instalación de oito novos paneis de tráfico que informan sobre percorridos e tempos -Vigo é a primeira cidade de España cun sistema destas características-, os novos semáforos con tecnoloxía Bluetooth no entorno da sede da ONCE na Gran Vía e na Praza de América, máis pasos de peóns, pasos sobreelevados e asimétricos para gañar seguridade e o pintado dos pasos soterrados de Martínez Garrido e Praza de América, entre outras.

"Especial consideración" recibiu por parte de López Font a política municipal implementada para o uso das motocicletas. O edil recordou que as motos poden circular polo carril bus, a disposicións de zonas adiantadas nos semáforos e os dous novos carrís de acceso aos mesmos -en Venezuela e Areal-, pioneiro en España e que permite ás motos chegar aos pasos adiantados cando o semáforo está vermello.
Descargar todas as imaxes