Escoitar

O goberno local adxudica os servizos de dinamización infantil por 450.000 euros

A Xunta de Goberno Local celebrada este venres validou a clasificación de ofertas -antiga adxudicación provisional- para a contratación por catro anos dos servizos de dinamización infantil. Caballero recordou que o Concello conta con dous centros, un en Coia e outro na Casa da Xuventude.

venres, 13 feb 2015
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este venres dos principais asuntos abordados pola Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá, entre os que salientou a adxudicación provisional do contrato por catro anos dos servizos de dinamización infantil que o Concello ten en Coia e na Casa da Xuventude, por un importe total de 450.000 euros.

Neste sentido, o primeiro edil recordou que o goberno que preside apoia con 65.000 euros os centros da Asociación Centro Recreativo de Coruxo, da Asociación Veciñal e Cultural de Lavadores e o das Familias de Persoas con Parálise Cerebral (APAMP). Ademais, en épocas singulares como a Semana Santa ou o verán ábrense máis espazos infantís en centros educativos ou en VigoZoo.

Sendeiros
O goberno local tomou asemade coñecemento do estudo para a divulgación do percorrido de tres sendeiros locais (Saiáns, Matamá-Comesaña e Candeán) asociados ao panorámico de Vigo (GR53), para o fomento da educación e sensibilización ambiental.

Cesión
A sesión desta mañá da Xunta de Goberno Local deu o seu visto bo ao texto dun convenio segundo o cal o Concello de Vigo cede de balde un camión-cisterna de Bombeiros ao Concello de Ponteareas.