Escoitar

Sométese a información pública o proxecto de paso soterrado da Travesía de Vigo

xoves, 31 out 2002
O Consello da Xerencia de Urbanismo aprobou inicialmente o proxecto de construcción dun paso soterrado de vehículos na Travesía de Vigo (intersección coa rúa Aragón). Este paso inferior será financiado pola entidade mercantil Carrefour, en cumprimento dun convenio asinado co Concello. O proxecto será sometido a exposición pública durante un mes antes da súa aprobación definitiva.

O proxecto pretende simplificar a circulación no cruce entre a Travesía de Vigo e a rúa Aragón soterrando a circulación de vehículos que transitan pola Travesía e creando unha rotonda distribuidora de tráfico para os que acceden dende a Travesía á rúa Aragón.

A zona que será remodelada ten unha lonxitude de medio quilómetro, da que 370 metros pertencen ao paso inferior. Este túnel terá dous carrís de tres metros de ancho, unha mediana de 0,60 m., arcéns de 0,50 m. e beirarrúas de 0,73 m. Sobre o paso soterrado ubicarase unha glorieta cun diámetro de 30 m. rodeada por dous carrís de 4 m. de ancho. Tamén se prevé a construcción dunha rotonda no cruce da Travesía de Vigo coas rúas Cantabria e Frian. Neste caso a glorieta é máis reducida, 12 m.

O presuposto de execución da obra é de 2.515.902 euros.