Escoitar

Aprobada a creación dunha nova zona verde na Florida

xoves, 31 out 2002
A Xerencia de Urbanismo aprobou o proxecto de urbanización do Polígono I do Peri II-12 Florida, unha das últimas zonas que quedan por desenvolver na área comprendida entre a Avda. Castelao e a Avda. da Florida. Este mesmo ano poderían comezar os traballos que permitirán completar o viario desta zona da cidade e crear unha nova zona verde de 9.000 metros cadrados.

O proxecto prevé a apertura de duas novas rúas, unha que unirá Quintela con Fotógrafo Angel Llanos e outra que enlazará Darío Durán con Angel Llanos. Esta última rúa, Angel Llanos, ampliarase para crear un aparcamento en batería e unha alameda arborada de 8 metros de ancho. Tamén se ampliará a rúa Quintela, construíndose beirarrúas e mellorando a súa confluencia coa Avda Castelao.

A nova mazá de vivendas que se construirá neste polígono disporá dunha zona verde de 9.000 m2 na que se ubicará unha pista polideportiva e un parque infantil. O proxecto de urbanización ten un custo de 504.772 euros.