Escoitar

Castrillo pide a suspensión cautelar do proxecto de recheo do Areal ante o TSXG

mércores, 30 out 2002
imx1928.jpg
Lois Castrillo
O alcalde, Lois Castrillo, presentou un recurso perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para que suspenda o acordo de aprobación técnica do proxecto de ampliación do recheo do Areal e o acordo do Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vigo que convoca o concurso para a execución destas obras. No escrito pídese tamén que se lle ordee á Autoridade Portuaria a paralización cautelar de calquera actividade física ou xurídica que puidese alterar a actual situación do muelle incluíndo vertidos, recheos ou actuacións encamiñadas a perpetrar este atentado á ría de Vigo, afirmou Castrillo.

Este recurso foi presentado polo alcalde co obxectivo de defender o interese público xeral, o benestar dos cidadáns e o futuro da ría. Castrillo sinalou que o interese da Autoridade Portuaria non é prevalente ao interese xeral que representa o Concello de Vigo e amosouse convencido de que a maioría dos cidadáns se opoñen ao recheo do Areal que, de realizarse, ocasionará danos de difícil reparación.

A argumentación xurídica expón a consideración de que o recheo non está xustificado e, polo tanto, vulnérase o Plan Especial do Porto: o incumprimento da declaración de impacto ambiental e o proceso irregular de aprobación do proxecto sen someterse á preceptiva fase de información pública.

O recurso expón que a doutrina do Tribunal Constitucional é favorable a acordar a suspensión dos acordos recorridos cando entran en xogo consideracións de protección do medio ambiente. Fundaméntase na primacía da protección dos recursos biolóxicos naturais dada a súa fraxilidade e a irreparabilidade dos prexuízos que se puidesen producir en caso de perturbación do contorno.

No ”Informe sobre a problemática ambiental mariña da ampliación do muelle do areal do porto de Vigo”, elaborado polo Instituto Español de Oceanografía do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, afírmase que as repercusións sobre a totalidade da ría e sobre o medio ambiente mariño son extraordinariamente altas, polo que estima conveniente someter o proxecto de recheo do Areal ao procedemento de avaliación de impacto ambiental, incumprido pola Autoridade Portuaria.
Descargar todas as imaxes