Escoitar

”El Cortesano” recreará a época de Garcilaso de la Vega coa interpretación de poemas musicados

xoves, 31 out 2002
imx1934.jpg
Grupo
O ciclo de música Are-More contará co grupo de música antiga “El Cortesano” no que destaca o contratenor José Hernández Pastor, o laúde e vihuela de Ariel Abramovich, a viola de gamba de Christoph Urbanetz e o recitador Rafael Taibo. Recrearán a época de Garcilaso de la Vega mediante a interpretación de poemas musicados por diversos autores. A cita será o 3 de novembro ás 20:00 na sala de concertos Martín Códax do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

O ritmo interno do verso de Garcilaso convértese en música e, xunto con poetas como Boscán ou Manrique, imprimen a súa influencia nos compositores contemporáneos. “El Cortesano” propón un percorrido polo amor e a súa paisaxe, pola aventura guerreira, pola amizade e as reflexións sobre a morte desde o mundo poético de Garcilaso. A palabra recitada por Taibo cobra un gran protagonismo unida á palabra cantada polo contratenor José Hernández. Ambos debullan con meridiana claridade os versos, acompañados pola poderosa viola de gamba de Alqhai e a pulcra vihuela de Abramovich. O espectáculo desenvólvese cun matiz de amores melancólicos. Hernández é un contratenor seguro, de voz homoxénea no fraseo, timbre brillante no agudo e con forza no grave: a súa voz expándese polo recinto e envolve o ambiente.

A viola de gamba soa bela e con gran profundidade, e mantén o equilibrio co son limpo da vihuela. Respecto ao estilo interpretativo, o conxunto especializado na música do Renacemento fai unha versión amena cun ritmo marcado que impón o desdobramento en voces e instrumentos.

Garcilaso de la Vega encarnou á perfección a figura do cortesano ideal do Renacemento español: aposto e nobre, soldado, cabaleiro, artista, poeta e músico. Nel realizouse o soño do home da súa época que Catiglione describira en “El Cortesano”, sintetizada na frase “destro nas armas e nas letras”. A súa producción poética foi tan breve como a súa vida, pois só escribiu tres églogas, unha epístola, dúas elexías, cinco cancións e trinta e oito sonetos: pouco para un hombre do seu enxeño, pero suficiente para deixar unha pegada profunda na literatura española renacentista que recrea “El Cortesano”.

PROGRAMA
Descargar todas as imaxes