Escoitar

O Concello aproba melloras en rúas de Bouzas, Coia, o Calvario, Teis e o Casco Vello

O alcalde informou este venres de avances na tramitación administrativa de humanizacións na Avenida Atlántida, nas prazas de Argüelles e Princesa, en Alonso Ojeda, en Moaña e en catro viais do Calvario: Toledo, Numancia, Mestre Soutullo e Genaro de la Fuente. Os pasos dados hoxe corresponden a reformas de máis de 1,8 millóns de euros de investimento municipal.

venres, 14 nov 2014
O goberno local aprobou o plan de seguridade e saúde e o plan de residuos da humanización da Avenida Atlántida, entre os números 30 e 52, en Bouzas, cun orzamento superior aos 36.000 euros e un mes de prazo de execución das obras. Os mesmos trámites administrativos sairon adiante este venres para as reformas no barrio do Calvario, con actuacións nas rúas Toledo (entre Mestre Soutullo e Leandro Alonso Martínez), a propia Mestre Soutullo, a marxe par de Genaro de la Fuente (entre Aragón e Toledo) e Numancia, no entorno do Centro Social; cun investimento de 880.000 euros e 5 meses de obras.

En terceiro lugar, o goberno de Vigo adxudicou as obras de mellora e reposición de espazos públicos no Casco Vello, nas prazas da Princesa e Argüelles e no seu entorno, que suma un investimento de 262.000 euros e 2 meses de prazo de execución. O Concello decidiu asemade encargar o proxecto da humanización de Alonso Ojeda, en Teis, e modificar -sen custo engadido- a humanización da rúa Moaña, de orzamento superior aos 662.000 euros, para incluir melloras no tratamento das beirarrúas interiores e a execución dunha rampa peonil, entre outras.