Escoitar

O Concello solicita á Deputación e a Abanca que retomen o apoio económico ao MARCO

A moción, presentada polo grupo socialista e apoiada polos restantes partidos na sesión plenaria deste luns, reclama do organismo provincial e da entidade bancaria o seu retorno á Fundación do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, tras ter abandoado o padroado nos últimos anos coa conseguinte reducción do orzamento e da programación no MARCO.

luns, 27 out 2014
O concelleiro de Cultura, o socialista Cayetano Rodríguez, defendeu o retorno de ambas entidades ao Padroado, realizando as achegas económicas correspondentes, para poder levar adiante o proxecto expositivo do museo máis visitado da cidade. A moción, aprobada por unanimidade, reclama ademas das entidades que forman parte da Fundación que recuperen para os próximos exercicios o nivel das achegas económicas que fagan así posible o desenvolvemento do MARCO.

Rodríguez recordou que nos últimos anos producíuse unha redución "moi significativa" das achegas económicas anuais dalgunhas institucións que forman parte da Fundación, chegando incluso a deixar de formar parte da mesma, no caso da Deputación de Pontevedra e de Abanca.

"Estas situacións", continúa o texto acordado esta mañá, "levaron a reducir o presuposto anual do MARCO en máis do 50% dende o ano 2010, o que inevitablemente leva a unha diminución da calidade e cantidade da programación anual" do mesmo. Alértase igualmente que, "de continuar esta tendencia, a curto prazo será imposible articular unha mínima programación anual, ao ser financeiramente inviable o proxecto MARCO".

Sanidade
Cayetano Rodríguez defendeu asemade no Pleno deste luns unha segunda moción socialista contraria á reforma sanitaria estatal, na que "a universalidade foi substituída por un sistema de aseguramento, quedando a cidadanía dividida entre os que teñen dereito a recibir atención e os que perderon o devandito dereito".

O acordo recabou o apoio dos nacionalistas e a abstención do PP, solicita a derogación do Real Decreto Lei 16/2012 e subscribe "o manifesto asinado por máis de sesenta organizacións e plataformas do ámbito social, profesional e científico, denunciando os impactos desta reforma sanitaria e o incumprimento por parte do goberno español da lexislación internacional dos dereitos humanos".

Por último, a Corporación pide unha nova Lei de Sanidade que emane do consenso político, social e científico, que estableza un Sistema Nacional de Saúde público (incorporado polos nacionalistas ao texto), universal, de calidade e sostible mediante unha xestión eficiente, eficaz e transparente, e que garanta o dereito constitucional á protección e promoción da saúde.