Escoitar

Caballero anuncia o patrocinio municipal ao fútbol sala formativo coa I Liga Concello de Vigo para 1.300 nenos de 4 a 7 anos de idade

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe o comezo esta fin de semana da I Liga Concello de Vigo de fútbol sala, para nenos e nenas de 4 a 7 anos, que durante a tempada 2014/15 disputarase nas instalacións deportivas municipais (As Travesas, Balaídos, O Berbés, Navia...) e que moverá a 1.300 deportistas de colexios, asociacións e clubs da cidade.

venres, 24 out 2014
1414170223futbol.JPG
O ano pasado, o Concello xa colaborou activamente con esta competición, que agora adouta a denominación de Liga Concello de Vigo, desenvolvéndose de outubro (comeza esta mesma fin de semana) a xuño.

Caballero, que estivo acompañado na presentación polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e por Juan Manuel Domínguez e Liberdad Moscoso, presidente e tesoureira da Asociación Vigo Fútbol Sala, considerou "magnífica" a idea de que os partidos incidan no espírito educativo; a liga xógase con encontros a catro tempos, e estes están delimitados polo gol, é dicir, que un equipo non poderá gañar un partido por máis dun 4-0 (un gol por tempo como máximo), porque "é educativa, non competitiva".

"É unha competición de carácter educativo e formativo como é natural, que se xogará de forma continuada ata xuño", sostivo o alcalde, que ademais felicitou á organización polo seu traballo a prol do deporte de base.

Numerosos colexios da cidade, ben como centros educativos ben na súa vertente de clubs, presentarán equipos. de feito, entre os colexios Miralba, Apóstol Santiago (Xesuítas), Salesianos e Maristas xa se reúnen 50 equipos.

A organización aplaudiu o permanente apoio municipal a unha asociación que arrincou con esta directiva en 2007 e que "conta co 50,5 por cento das fichas de fútbol sala que hai en Galicia. Queremos traballar pola base e para levantar o fútbol sala e creo que o conseguimos polas facilidades do Concello", explicou Fernández Domínguez.
Descargar todas as imaxes