Escoitar

Vigo reclama novos maxistrados para as ordes xurisdiccionais penal e civil

A tenente de alcalde, a socialista Carmela Silva, defendeu unha moción de urxencia no pleno deste luns solicitando ao Ministerio de Xustiza a creación dunha nova praza de maxistrado na sección sexta -especializado en civil- da Audiencia Provincial, con sede en Vigo, mantendo a proposta da Comisión Mixta de crear unha na sala quinta -penal-. A proposta foi apoiada por todos os grupos políticos.

luns, 27 out 2014
O goberno local coincide así co informe do Consello Xeral do Poder Xudicial, que reclama para Vigo un novo maxistrado especializado en civil para a sección sexta da Audiencia Provincial, localizada na cidade olívica. O máximo órgano xudicial amplía a petición da comisión mixta (Xunta de Galicia-Tribunal Superior de Xustiza de Galicia) que se limitou a solicitar un novo maxistrado para o penal.

O acordo aprobado insta ao Ministerio de Xustiza a asignar ambas prazas en Vigo, necesarias tendo en conta os elevados ratios de pendencia que soportan os xulgados e o alto número de asuntos que ingresados en relación ao resto de audiencias civís, ademais de que o partido xudicial de Vigo é un dos que máis litixios tramita en España.

Instalacións deportivas
Outra moción socialista -que saíu adiante grazas ao apoio do PP e á abstención do BNG- insta ao Goberno de España a realizar "os estudos necesarios para o desenvolvemento, financiación e construción dunha instalación deportiva pública para o fútbol no ámbito dos espazos públicos ou da urbanización complementaria das obras da estación do AVE en Vigo", ante a demanda dos clubs locais dun campo no centro da cidade.