Escoitar

O Concello licita a humanización do final da Avenida de Castrelos e a primeira fase de Rosalía de Castro

Caballero anunciou este venres a aprobación dos expedientes de contratación das obras de humanización da Avenida de Castrelos, entre Avenida Portanet e Clara Campoamor, e de Rosalía de Castro, no tramo desde República Arxentina ata Canceleiro. O goberno de Vigo tamén licitou a humanización de Ramón Nieto, fronte ao mercado de Cabral.

venres, 10 out 2014
O alcalde explicou que a humanización da parte final da Avenida de Castrelos leva un orzamento de 232.000 euros e suporá novas beirarrúas, zonas verdes, novas canalizacións de servizos soterradas, arborado e mobiliario urbano. Salientou Caballero a inclusión no proxecto dunha mediana axardinada, que suporá unha mellora estética "pero tamén de seguridade", indicou, ao tratarse dunha zona moi transitada pola súa proximidade a Citroën e ao cemiterio.

O goberno local tamén aprobou esta mañá a licitación da primeira fase da humanización de Rosalía de Castro, unha actuación sobre 10.000 metros cadrados de superficie -dos que a metade serán para beirarrúas- entre República Arxentina e a rúa Canceleiro. O Concello investirá dous millóns de euros nesta reforma, que conta cun prazo máximo de execución dun ano. Caballero destacou que a obra incluirá a renovación de máis de dous quilómetros de novas canalizacións de saneamento e abastecemento e "novas decisións" para mellorar a circulación e dar "máis aparcamento" en superficie á zona.

Por último, o goberno de Vigo deu asemade luz verde ao proxecto de execución de beirarrúas na rúa Saa, en Beade, e á humanización do tramo de Ramón Nieto fronte ao mercado de Cabral, obra que presenta un prazo de execución de catro meses. O alcalde de Vigo concluiu sinalando os "centos de empregos" que estas reformas xerarán na cidade.