Escoitar

Caballero promociona o cross escolar do Castro San Miguel e fixa en 1.500 participantes o novo reto

Mil trescentos atletas, nacidos entre 1999 e 2011 (dende os 3 aos 15 anos de idade), inundarán este domingo de zapatillas deportivas Castrelos a partires das 10:00 horas. Será o momento para a participación "dun número moi significativo de rapaces e rapazas", sinalou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, na presentación do evento no Concello.

xoves, 9 out 2014
1412866931cross.JPG
Caballero, acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e por catro membros da organización (José María Bouzó, Oliva Román, David Morales e Ramón Rodríguez), promocionou hoxe o XIX Cross Escolar da Agrupación Deportiva Castro San Miguel, un campionato de relevancia no calendario do campo a través local.

Destinado a atletas en formación de centros, clubs ou agrupacións, a proba máis introductoria nesta modalidade está prevista para a categoría "olímpica" (de tres, catro e cinco anos), sendo a derradeira do programa (12:40 os nenos, 12:50 as nenas) e cunha distancia de 200 metros. A que máis, 4.000 metros para os cadetes de 14 e 15 anos, que abrirán a serie de catorce carreiras.

Este é un "gran cross escolar", subliñou o xefe do goberno municipal, que anunciou o patrocinio do evento por parte da Obra Social da Caixa e a colaboración de varias firmas (Gadis, Frutas Nieves, "Faro de Vigo, Coca-Cola e El Corte Inglés). Así, a Agrupación Deportiva Castro San Miguel pode poñer en marcha por decimonoveno ano consecutivo este cross, "o de maior participación de Galicia ata categoría cadete", sostivo o rexedor, que marcou un novo reto á organización: "Este ano hai que subir por enriba de 1.500 participantes".

Caballero considera que esta carreira "é moi importante ao situar aos máis pequenos no ámbito do atletismo e nas súas diferentes categorías e conseguir a participación de pais e nais", pois para os proxenitores está reservada un circuíto de 1.000 metros ás 11:40 (pais) e 11:50 (nais).

A organización previu un sorteo de varios premios entre os inscritos (unha bicicleta entre os artigos elixidos) e a inscrición segue aberta ata a medianoite de hoxe no formulario dispoñible en gecastrosanmiguel.com, enviando un correo electrónico á dirección adcastrosanmiguel@gmail.com ou na planta sexta do Corte Inglés, na sección de Deportes (ata as 22:00 horas).

"Non sería posible organizalo sen o Concello e as casas colaboradoras. Así logramos que sexa gratuíto, que a ninguén lle custe un céntimo participar", explicou David Morales dando voz á organización.

Descargar todas as imaxes