Escoitar

Exposición Mario F. Granell na Pinacoteca Municipal

Este sábado, 11 de outubro, ás 12:00 h, inaugúrase na Pinacoteca Municipal "Francisco Fernández del Riego" (r/ Abeleira Menéndez, 8) a exposición "Mario F. Granell. Morte e reencarnación dun pintor galego", conmemorativa do centenario do seu nacemento. A exposición é unha produción da Concellería de Cultura e Festas, comisariada por José Ballesta de Diego, director do Museo Municipal "Quiñones de León" do Pazo de Castrelos.

venres, 10 out 2014
1412937279granell.jpg
O Concello de Vigo presenta esta mostra monográfica da obra de Mario F. Granell a través de máis de sesenta cadros procedentes de diversos prestadores; documentos, fotografías... nunha das mostras máis importantes do artista celebradas ata a data. Deste xeito quere render sincero homenaxe a este gran pintor galego, falecido en Vigo, a súa cidade de adopción, en 1991.

A exposición percorre a vida completa do artista con obra representativa das súas diferentes etapas e dos contextos nos que esta se desenvolve.

A primeira sala está dedicada á nenez e xuventude de Mario, primeiro en Compostela, logo en Madrid, nos anos 30. Presentanse aquí as obras máis cedas localizadas do artista xunto con outras de contemporáneos seus dos seus mestres, Camilo Díaz Baliño e Federico Ribas, ou referentes como Arturo Souto, e tamén pezas relacionadas con personaxes de gran importancia na formación da súa personalidade e ideoloxía como Alfonso R. Castelao ou Francisco Fernández del Riego, o seu primeiro crítico en medio escrito.

O paso do artista pola cadea, tras o estalido da guerra civil española en 1936, ocupa a segunda sala. A impronta terrible que deixa a experiencia faise patente nas obras pintadas no cárcere, pero tamén noutras moi posteriores, como "Vivencias dunha guerra civil" (1978), auténtico manifesto contra a loucura da guerra. Nesta sala un pequeno espazo dedícase a Oliva Montero, a súa noiva durante este periodo, e logo dona e musa ata o final dos seus días.

Na terceira sala presentase a Mario xa liberado, tratando de sobrevivir no difícil Vigo da posguerra. O encontro na cidade con outros exiliados internos, como Laxeiro, Del Riego, Lugrís..., e unha ascendente carreira profesional como ilustrador, cartelista, decorador..., aliviarán progresivamente a súa situación. De todas estas múltiples facetas de supervivencia podemos ver exemplos de Mario na sala.

A cuarta sala está dedicada a Venezuela, país ao que chega Mario en 1957, no que triunfa en todos os ámbitos e desenvolve a súa obra máis plena. Nas tintas dos anos 60, pero sobre todo nos acrílicos dos anos 70, Mario F. Granell presentase xa como o artista único que é, cunha linguaxe propia e madura e pola que merece lugar destacado na historia da arte galega.

Os dez últimos anos de Mario en Vigo, onde retorna en 1981, ocupan a última sala con espléndidas obras dun pintor que non deixa de sorprendernos ao avanzar na súa vellez cara a abstracción total.

A exposición estará aberta ao público ata o 17 de maio de 2015.
Descargar todas as imaxes

Máis información