Escoitar

O Concello inviste 700.000 euros na humanización da rúa Moaña

Abel Caballero visitou este luns a reforma en marcha da rúa, obra na que o goberno local actúa renovando as redes de abastecemento, saneamento e pluviais, incorporando luminarias de baixo consumo, arborado e xardineira e reordenando os espazos de estacionamento.

luns, 14 xul 2014
1405339172moana.JPG
O alcalde visitou esta mañá os traballos de humanización que acomete o Concello vigués na rúa Moaña, cun investimento de 700.000 euros e un prazo estimado de seis meses para a execución das obras.

Caballero explicou que a reforma incluirá beirarrúas de granito, cun carril de circulación en cada sentido e aparcamento en liña, arborado, tres novas xardineiras e unha decena de novas luminarias de baixo consumo. Na parte final da rúa, o goberno local reordena tamén os espazos de estacionamento.

Xunto á remodelación superficial da rúa, o Concello acomete tamén a renovación de 210 metros lineais de canalización de alumeado público, 715 metros máis para o abastecemento de auga, 810 metros de saneamento e drenaxe e a execución dunha nova rede de pluviais.

Coia
Abel Caballero repasou os investimentos realizados en Coia desde a súa chegada á Alcaldía, "inversións masivas" entre as que o alcalde salientou o novo centro sociocultural da Miñoca -a inaugurar "en próximos días"- e as humanizacións das rúas Estrada, Baiona, Marín, Redondela, Vilagarcía de Arousa, Cangas, do entorno da rúa Salvaterra, do barrio de Cordoeira e da propia rúa Moaña.

O socialista tamén recordou a renovación da pavimentación do paseo da Avenida Castelao, a mellora do tramo inicial da mesma, a eliminación das pasarelas para instalar novos pasos de peóns con semáforos, o aparcamento soterrado e a renovación interior do túnel que une Camelias e Gran Vía coa Avenida Castelao.
Descargar todas as imaxes