Escoitar

Os pianistas Michael Wollny e Alfredo Rodríguez na penúltima xornada do Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons

Para diversos públicos e distintas preferencias. Así se formula a xornada Imaxina Sons o venres 4 de xullo. Unha xornada que comeza ás 13h co concerto "Os Superhércules", dirixido a público infantil e familiar, que ten lugar na rúa de Londres con entrada de balde. A música do pianista alemán Michael Wollny chega ao Auditorio Municipal do concello ás 21h e o día remata na praza da Constitución co concerto "Quincy Jones presenta a Alfredo Rodríguez".

xoves, 3 xul 2014
"Os Superhércules", un proxecto familiar do quinteto de metais Hércules Brass Band, conta a historia de cinco rapaces que xogaban plácidamente na súa casa no ano 2268. Revolvendo no trasteiro atopan unha caixa misteriosa que cambiará as súas vidas, transformándoos en superheroes. A partires dese momento son os elixidos para recuperar os elementos que forman a música. Para completar a súa misión, os protagonistas viaxarán no espacio e no tempo, resolvendo conflictos de todo tipo co seu inxenio e o traballo en equipo. O concerto, que pecha a Academia de Sons nesta décima edición do festival, comeza ás 13h detrás do MARCO (Rúa de Londres) orientado a nenas, nenos e familias.

Do pianista Michael Wollny (1978), que actúa no Auditorio Municipal do concello ás 21h, din en All About Jazz que "combina o pracer da exploración cun traballo de altísimo nivel. E, como resultado, estase a converter nun dos máis prolíticos e impredicibles intérpretes da escena do jazz en Europa". A crítica considera o seu traballo sublime tanto como solista como en formato trío. Wollny representa desde hai uns anos ese algo novo que sempre ten o jazz, especialmente en Europa como territorio de creación. As súas influencias abranguen a Johann Sebastian Bach, Franz Schubert, o romanticismo alemán e o compositor francés Olivier Messiaen. A entrada do concerto ten un prezo de 5 euros e pode adquirirse na billeteira do recinto desde unha hora antes do concerto.

O festival segue o venres 4 na praza da Constitución co pianista de orixe cubana Alfredo Rodríguez. Triunfa nos EUA, dirixe todos os proxectos recentes de Quincy Jones -quen o considera un xenio, o mellor pianista do mundo- e cun segundo disco editado, The Invasion Parade (Mack Avenue), no que conta con colaboracións como a de Esperanza Spalding. Alfredo Rodríguez (1985), de formación clásica, está no seu momento. A crítica di que o piano nas súas mans é un instrumento de percusión e destaca o seu estilo libre e pouco ortodoxo. Na última edición do Festival de Jazz de Montreux compartiu escenario con Chick Corea e no Festival de Jazz de Barcelona 2013 estreou o seu Concierto para Orquesta Sinfónica y Piano. Inspirado no escritor e líder da independencia cubana José Martí, con The Invasion Parade, o


pianista explora as súas raíces e lembranzas de Cuba. En Vigo estará acompañado do trompetista Jorge Vistel e do batería Andres Litwin.
Máis info:
www.imaxinasons.com
www.vigocultura.org