Escoitar

O goberno local valida o texto do convenio para instalar en Vigo servizos da Zona Franca

O alcalde informou este mércores da aprobación do texto do convenio entre o Concello e o Consorcio para ubicar servizos da Zona Franca en Vigo. A entidade estatal comprará o edificio municipal de Areal para situar o Centro de Evolución Gastronómica de Galicia e habilitará un espazo de coworking e un viveiro de empresas no Auditorio Mar de Vigo -cofinanciado co goberno local e a Cámara de Comercio-. O acordo tamén senta as bases para o desenvolvemento da ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valadares.

mércores, 2 xul 2014
Segundo explicou o rexedor, o goberno de Vigo aprobou onte o contido dun convenio que ten por obxecto situar servizos do Consorcio na cidade, ademáis do desenvolvemento da ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valadares, para o que o Concello modificará puntualmente o PXOM cambiando o trazado dun vial -a Estrada da Venda- existente na zona e se concreta na redacción o financiamento para as liñas eléctricas necesarias para a futura ampliación.

Por outra banda, o texto estipula que se farán as valoracións necesarias para que o edificio municipal de Areal pase ás mans do Consorcio -mediante venda "a prezo de mercado"-, onde estará situado o futuro Centro de Evolución Gastronómica de Galicia. As partes tamén desenvolverán e cofinanciarán, xunto á Cámara de Comercio, un espazo de coworking e un viveiro de empresas no Auditorio Mar de Vigo. "Este é o convenio máis importante asinado nunca na historia da Zona Franca entre a cidade e a propia Zona Franca", subliñou Caballero.