Escoitar

O goberno local invita á cidadanía a sumarse aos actos polo Día Internacional das Mulleres

A tenente de alcalde, Carmela Silva, e a concelleira de Igualdade, Isaura Abelairas, presentaron este xoves a programación para o sábado, 8 de marzo, xunto a representantes do Consello Municipal da Muller. A xornada deste ano leva como epígrafe "Pola Defensa dos Dereitos Sexuais, Reprodutivos e Aborto".

xoves, 6 mar 2014
1394110858muller.JPG
Carmela Silva e Isaura Abelairas, xunto a Ángeles Arias en representación do Consello municipal da Muller, chamaron á participación de toda a cidadanía nos actos programados para celebrar o Día Internacional das Mulleres, neste 2014 baixo o lema "Pola Defensa dos Dereitos Sexuais, Reprodutivos e Aborto".

Mañá venres, 7 de marzo, terá lugar ás 10 horas o tradicional pleno específico do Consello municipal da Muller no salón plenario do Concello, na Praza do Rei, aberto ao público ata completar aforo.

O sábado, 8 de marzo, será a xornada central coa celebración da Festa pola Igualdade na Praza da Constitución, presentada e dinamizada por Ana Carreira. De 17 a 19:30 horas haberá un espazo lúdico de Igualdade con xogos para nenos e nenas, ás 21 horas a música tradicional do grupo Tanxedoras e ás 22 horas a lectura do manifesto do Consello Municipal da Muller, tras o cal se iniciará o concerto de blues e canción de autora a cargo de Sés.

O próximo venres, 14 de marzo, ás 22 horas, será o turno da entrega do II Premio de Igualdade "Ernestina Otero", desta volta para a xinecóloga Isabel Blanco Domínguez. O nomeado galardón, que premia a traxectoria dunha muller ou colectivo en defensa da igualdade, entregarase no Hotel Coia.

Ademais, e coa colaboración da Asociación de Comerciantes e Hosteleiros/as de Vigo Vello, desde o 28 de febreiro ata o 9 de marzo poderanse degustar nos establecementos do casco histórico as "tapas pola igualdade", a dous euros.
Descargar todas as imaxes

Máis información