Escoitar

O Concello impulsa unha nova edición do Camiño a Camiño con novas rutas, hortas e voluntariado

A tenente de alcalde, Carmela Silva, e a concelleira de Medioambiente, Chus Lago, presentaron este mércores a sétima edición do Camiño a Camiño, iniciativa que se retoma o 16 de marzo e na que participaron en 2013 case 4.500 persoas. O goberno local suma rutas por covas e fervenzas e unha gran andaina polos montes de Vigo, entre outras novidades.

mércores, 5 mar 2014
1394022837camino.JPG
Vigo retoma este próximo 16 de marzo o Camiño a Camiño, programa municipal que chega á súa sétima edición mantendo como obxectivos a sensibilización medioambiental e o fomento de hábitos saudables entre a cidadanía.

Tal e como explicaron Silva e Lago ante os medios de comunicación, Camiño a Camiño combina neste 2014 os tradicionais percorridos por Vigo e Galicia coas actividades de voluntariado ambiental, as hortas-escola, actividades formativas e tamén divulgativas, unha das novidades deste ano, a celebración de conferencias.

A primeira actividade será unha ruta polos principais humedais da cidade, o 16 de marzo, e continuará con percorridos polos montes de Comesaña ata o monte dos Pozos e coa ruta da auga, en tres etapas. Os participantes poderán coñecer as covas e fervenzas no Folón, a do río Toxa e nas Illas Cíes, e celebrarase tamén a primeira andaina polos montes de Vigo, nunha ou en varias citas, para que poida participar todo tipo de camiñantes.

De cara ao verán, o goberno local proxecta percorrer o sendeiro azul, do Lagares ao mareal de Alcabre, e a xa tradicional ruta nocturna polo Galiñeiro. Os usuarios poderán igualmente coñecer os ecosistemas da montaña dos Ancares durante unha fin de semana.

Preto de 4.500 persoas participaron na pasada edición nalgunhas das opcións do Camiño a Camiño: as rutas, as hortas-escola e o voluntariado ambiental. Tanto as hortas como o voluntariado precisan dun curso formativo previo que ofrece o Concello e que no 2013 fixeron 1.100 persoas.

Case 400 voluntarios están inscritos no programa, que realizaron o pasado ano 10.000 horas de traballos de conservación do Lagares, A Bouza e os areais vigueses, das Illas Cíes e VigoZoo, nos senderos e nas hortas urbanas. Outros 400 usuarios están inscritos para traballar as hortas municipais de Fontáns, Navia, Camelias, Pedro Alvarado, Sardomela, Casa da Xuventude e VigoZoo, para todas as idades e con bancadas adaptadas.
Descargar todas as imaxes

Máis información