Escoitar

O Concello coopera nun certame internacional para buscar solucións arquitectónicas ao edificio da Artística

O Concello de Vigo ven de asinar un convenio para promover un concurso de ideas entre a Escola de Arquitectura de Galicia e a cidade china de Harbín para buscar solucións ao edificio da Artística. Así o explicou hoxe o segundo tenente de alcalde, Carlos López Font, durante a inaguración da exposición que exhibirá as mellores propostas de rehabilitación da Panificadora, froito do certame internacional de arquitectura SC2013 Spain-China, que tamén contou co aval municipal.

martes, 4 mar 2014
1393938181font.JPG
Carlos López Font inaugurou hoxe a exposición do concurso internacional de Arquitectura SC2013 Spain-China coas mellores propostas de rehabilitación para a Panificadora de Vigo. Tal e como destacou o segundo tenente de alcalde, este certame converteu a Vigo durante o mes de decembro no "epicentro do debate da arquitectura mundial", que tratou de darlle solucións a un edificio de 90 anos, máximo representante da arquitectura industrial moderna.

O concelleiro socialista eloxiou o éxito deste concurso convocado pola revista Future Arquitectures, en cooperación coa Escola de Arquitectura de Galicia e do Concello de Vigo ata o punto que xa se asinou outro convenio para estudar posibilidades para o edificio da Artística. Unha vez máis, este certame, que tamén terá por obxectivo ofrecer novas posibilidades para estudantes, é unha mostra dunha magnífica "colaboración público-privada", dixo. Rematou felicitando ao Colexio de Arquitectos de Galicia, que acolle na súa sede a exposición e advertiu de que estes traballos serán unha importante contribución no momento no que se poidan tomar decisións sobre o edificio.

Arquitectos de todo o mundo aportaron 78 ideas para a rehabilitación da Panificadora, entre as que se preseleccionaron 20 e o primeiro premio foi para unha proposta de 4 mozos chinos. O xurado internacional estivo composto por 18 profesionais entre os que destacaba un importante número de profesores chinos e outros recoñecidos profesinais españois como César Portela, Alfonso Penelas, Jesús Irisarri ou Manuel Gallego, entre outros.
Descargar todas as imaxes