Escoitar

O Concello programa documentais, exposicións, música e conferencias pola Semana do Orgullo

A concelleira de Igualdade, Isaura Abelairas, presentou os actos da Semana do Orgullo, que comezan hoxe martes e rematan o sábado cunha manifestación ás 19:30 horas con saída na farola de Urzáiz. Hoxe, ás 20 horas, inaugúrase o programa con "Visibilidade e activismo. Obras da Colección Visible de arte LGTB", mostra que estará na Casa das Artes ata o 21 de xullo.

martes, 25 xuñ 2013
1372158073orgullo.JPG
Isaura Abelairas compareceu este martes en rolda de prensa para presentar o programa da Semana do Orgullo, con José Ángel Santoro -coordinador do grupo LGTB Sete Cores de Vigo- e Pablo Peinado -coordinador da Colección Visible-. A concelleira explicou que estes actos inciden no "recoñecemento" dos gais, lesbianas, transexuais e bisexuais, "que teñen exactamente os mesmos dereitos" que calquera outro cidadán, e amosan o "apoio" do goberno de Vigo á igualdade.

Hoxe martes da comezo as actividades da reivindicativa Semana do Orgullo na cidade coa mostra "Visibilidade e activismo. Obras da Colección Visible de arte LGTB", que se inaugura ás 20 horas na Casa das Artes. A exposición, con obras inéditas, poderá ser visitada ata o próximo 21 de xullo e, entre o 26 e o 28 deste mes, ofrecerá percorridos guiados para os asistentes.

O mércores 26, ás 19:30 horas, proxectarase o documental "Arte Gay busca casa", na Casa Galega da Cultura, na praza da Princesa. O xoves, 27 de xuño, ás 18:00 horas, haberá un acto informativo e actividades para xete moza, na Farola de Urzaiz, organizado pola Asociación Nós Mesmas. Ás 19:30 horas, está programada a conferencia "A crise e os valores" a cargo de Ángeles Álvarez Álvarez, no salón de actos do MARCO.

O venres, 28 de xuño, ás 18:00 horas, tamén organizado pola Asociación Nós Mesmas, conversa con Teresa Moure e Alfredo Saborido sobre "O xénero na construción da sexualidade", na sede da Federación Veciñal na praza da Princesa. Ás 19:30 horas, performance "Over de rainbow" e actuación da escola de danza Media Punta con "Breackthru" na rúa do Príncipe. Ás 22:00 horas, Orgullo Vigo 2013 con Shangay Lily e Djs: Samantha Calvario e Lano del Rey, na praza da Constitución.

A Semana conclúe o sábado, 29 de xuño, con tres accións da man de Nós Mesmas. Ás 12 horas terá lugar o contacontos "Una parella diferente" na Biblioteca Central; ás 19:30 horas, manifestación "Liberdade sen recortes", con saída desde a Farola de Úrzaiz; e ás 20.30 horas, "Festa diversa" na praza da Pedra.
1372158073orgullo.JPG
1372158089semanaorgullo.jpg
Descargar todas as imaxes