Escoitar

O Concello achega a tradición oral galega a todos os públicos con narracións por todo Vigo

A concelleira de Normalización Lingüística, Isaura Abelairas, presentou este martes "Un Verán de Conto", unha proposta municipal que levará -durante os meses de xuño e xullo- as lendas e contos populares a diferentes tipos de públicos, en distintas zonas de Vigo, a través de grandes narradores.

martes, 28 mai 2013
1369740211isaura.jpg
Durante a rolda de prensa, Isaura Abelairas avogou por "promocionar e conservar" este "patrimonio inmaterial" e explicou que "pretendemos que ese legado pase de xeración en xeración" mediante esta actividade.

Durante os meses de xuño e xullo, as rúas e prazas de Vigo acollerán narracións para públicos de todas as idades, desde os máis pequenos ata os adultos. Os contos para toda a familia e para o público infantil -a partir dos seis anos- terán lugar ás 20 horas nas prazas da Constitución e da Independencia, no parque de Castrelos, en Navia e na Biblioteca Neira Vilas. Para o público adulto, ás 12:30 e ás 21:30 horas, nas prazas da Constitución, do Emigrante e de Compostela, na Alameda de Bouzas e diante do mercado do Calvario.

Estas actividades desenvolveranse os sete dias da semana: no parque de Castrelos os luns, na praza da Independencia os martes, na biblioteca Neira Vilas os mércores, en Navia os xoves, na praza da Constitución os venres, no Calvario e nas prazas do Emigrante e de Compostela os sábados, e os domingos na Alameda de Bouzas.

Os encargados de narrar estas "contadas" serán Paula Carballeira, Ana Carreira, Avelino González, Marcelo Rodríguez, Miguel Angel Alonso, O bardo Abelardo, Ignacio Vilariño, etcétera.
Descargar todas as imaxes