Escoitar

Cantatas e música instrumental de Haendel na igrexa de Santa María

venres, 15 nov 2002
imx1990.jpg
Agnes Mellon
A soprano Agnes Mellon actuará o domingo 17 de novembro con L’Assemblée des Honnestes Curieux na igrexa de Santa María. As cantatas e música instrumental de G. F. Haendel “Tormento e gelosia” conforman o repertorio desta xornada do programa Are-More. Este grupo vén de triunfar en Francia nos festivais Châtelet de París e de Ambronay.

Mellon foi musa de Les Arts Florissants, dirixidos por William Christie, e en 1980 entra a formar parte da Chapelle Royale. A partir de entón, a sua carreira de solista lévaa a cantar baixo a dirección de numerosos directores: Gardiner, Malgoire, Koopman, Leonhardt, Kuijken ou Jacobs nas máis prestixiosas salas de concertos do mundo: Ópera de París, Théatre des Champs-Elysées, Salle Pleyel, Carnegie-Hall, Tokio, Concertgebow e Ópera de Amsterdam.

A súa discografía comprende un centenar de gravacións abarcando un extenso repertorio. Apaixonada polo ensino, é invitada regularmente para impartir cursos de interpretación na Académie de Musique Française de Kyoto, cos profesores do CNSM de París.

O grupo de música barroca L’Assemblée des Honnestes Curieux toma o seu nome da sociedade de concertos fundada no século XVII polo cravista francés Jacques Champion de Chamboinnières. Os membros desta Curiosa Asemblea comparten un mesmo entusiasmo na busca dunha interpretación viva da música do pasado, utilizando para iso reproduccións de instrumentos históricos. Deste xeito pretenden achegar unha nova visión sobre composicións ben coñecidas ó mesmo tempo que redescubrir obras inexploradas do noso pasado musical.

Ten realizado concertos en Italia, Francia, Holanda, Portugal e España, participando en importantes teatros e festivais de música antiga tales como Música e poesía en S. Maurizio (Milano), Urbino, Festival d’Ambronay, ou o Théatre du Châtelet de París.. O seu primeiro disco gravado para Opus 111-Naîve, e dedicado as Pièces en Trio de Marin MARAIS, foi publicado en xuño do 2001.

O programa que ofrecerán en Vigo recolle as cantantas italianas de Haendel, nas que se aprecian as influencias de A. Scarlatti e un certo labor continuista do expresionismo de Carissimi, Steffani ou Stradella. Haendel caracterízase pola súa facilidade na absorción de estilos dende os que obte-la síntese dunha obra de seu, capacidade pola que ten sido acusado de plaxio en varias ocasións.

Haendel trasladárase a Italia no 1706, ós 21 anos desilusionado polo peche do teatro de Hamburgo, no que representara con éxito dúas óperas súas, Almira e Nerone. Naquel tempo, Italia era o berce de importantes escolas músicais e onde desenvolvían a súa carreira Vivaldi, Caldara, Corelli, Albinoni, Alessandro e Domenico Scarlatti, existindo unha competencia moi forte. Haendel viuse obrigado a amosa-lo versátil que podía chegar a ser coma músico, asimilando as técnicas, o estilo e o gusto italianos. Baixo o padroazgo do marqués Francesco Maria Ruspoli tivo a oportunidade de traballar coa soprano Margherita Durastanti, perfeccionando o seu dominio da composición vocal. A súa habilidade como músico dramático permitiulle emprega-la cantata como forma de expresión ideal para a súa arte. Ademais, non tivo outro remedio, xa que unha encíclica do Papa prohibira as representacións operísticas en Roma, a cidade na que pasou máis tempo. Posteriormente, o autor aproveitou moitos dos temas usados na producción das cantatas para obras dramáticas posteriores, rescribíndoos para outros instrumentos ou simplemente modificando a súa forma inicial.

Na época as súas cantatas acadaron unha gran popularidade: unha delas “Armida Abandonada” foi copiada por Juan Sebastian Bach.

PROGRAMA
Descargar todas as imaxes