Escoitar

Protección civil organiza o I Raid de Embarcacións a Motor

xoves, 14 nov 2002
imx1985.jpg
Rodríguez, De Acosta e Folgar
O concelleiro de Tráfico e Seguridade, Xaquín de Acosta, presentou o I Raid de Embarcacións a Motor que se celebrará o domingo 17 de novembro na praia do Vao. Organizado por Protección civil, contará coa participación de 60 voluntarios procedentes de Cambre, Bergondo, Lugo, Sanxenxo, Marín e Vigo.

As probas consistirán na recollida dunha víctima a dous metros de profundidade, nun slalom con recollida de víctima e nun rescate por equipos. ”Esta é a primeira vez que se pode organizar en Vigo este evento e agora Protección civil dispón de liberdade para funcionar e medrar porque conta cunha colaboración positiva por parte do Concello”, afirmou Carmen Folgar, responsable local deste organismo.

Poderá participar na proba calquera persoa inscrita nunha agrupación de voluntariado ou club náutico federado. Os equipos estarán formados por cinco persoas, un patrón, un socorrista, unha víctima e dous padioleiros. As embarcacións serán as específicas segundo o modelo Sapraga zodiac de catro metros de eslora con motor de 25 CV. O combustible, en tódolos casos, será gasolina sen chumbo coa mestura de aceite correspondente.

Como profesionais do sector da náutica, os xuíces técnicos revisarán as embarcacións participantes, así como os motores, para determinar que son estrictamente de serie segundo se especifica nas bases de participación. Deberán confirmar que non presentan modificacións tanto estructurais como mecánicas. Tamén se comprobará se o combustible utilizado é o determinado nas bases.

Protección civil de Vigo conta con 80 voluntarios que prestan a súa colaboración en deseño de plans de emerxencia de empresas, en labores de socorrismo nas praias durante a tempada de verán e na prevención de aglomeracións de tráfico.
Descargar todas as imaxes