Escoitar

Cabral será a beneficiada cos próximos cambios no transporte público

xoves, 14 nov 2002
O vindeiro luns, día 18 de novembro, darase un novo paso no proceso de remodelación de liñas do transporte público urbano. Nesta ocasión os cambios beneficiarán á parroquia de Cabral. As modificacións que se implantarán o luns permitirán que o autobús urbano chegue a moitos máis lugares da parroquia, cumprindo así unha vella reivindicación dos veciños.

Un dos cambios principais operarase na liña 11, que une Cabral (Igrexa) con S. Miguel de Oia. A partir da vindeira semana esta liña pasará tamén pola rúa da Vía, Molares, polo camiño Xalón e por Becerreira, lugares que ata agora non contaban con transporte público. Tamén se crea a Liña 25 (praza de España-Sta Mariña), que substitúe á antiga 39. A nova L25 circulará polo Calvario, Sabaxáns, Manuel Álvarez e Ramón Nieto ata Feira. Despois dirixirase por Caeiro e a Avda. do Aeroporto ata Sta. Mariña e regresará á praza de España por Grileira e a estrada da Vía. Esta liña crúzase en varios puntos coa anterior, o que permite desprazarse por toda a parroquia de Cabral utilizando o billete de transferencia.

Asemade, o próximo luns cambiarase a denominación das liñas 15,16 e 27 pola de Circular 15. Todas elas teñen como punto de partida Samil. A C15A terá como destino Cabral e circulará por Castelao-Gran Vía-Pizarro e Ramón Nieto. A C15B ten como destino Xestoso e circulará por Alcabre-Bouzas-Beiramar-Pza. de Compostela-Colón-Choróns-Ramón Nieto e o Hospital do Meixoeiro. A C15C ten un percorrido semellante ao da anterior, pero en vez de rematar en Xestoso o fai na Universidade.